De bibliotecas e dun libro

Ramón Nicolás

FUGAS

Moisés Barcia traduce ao galego «A trenza», de Letitia Colombani

29 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Formo parte neste curso, como fixen hai anos, do equipo que conduce a Biblioteca Escolar no centro de ensino público no que traballo. É este un reencontro feliz, que me depara a miña profesión, co mundo do libro, da mocidade e da lectura: unha realidade sempre luminosa e sorprendente, sen dúbida un novo paso no proceso de aprendizaxe que debe acompañarnos sempre aos docentes. Teño para min que nunca se falará abondo da importancia que atesouran as bibliotecas escolares galegas para formar persoas lectoras que, por tanto, sempre serán máis libres. Un servizo clave, de proxección formativa e educativa, candidatado por certo na última convocatoria ao premio Astrid Lindgren, considerado o Nobel da literatura infantil.

Esta introdución, talvez irrelevante nunha recensión, resúltame operativa porque foi precisamente na biblioteca escolar onde descubrín A trenza de Laetitia Colombani, solicitada con interese por moito alumnado. Non é de estrañar: este libro traducido á nosa lingua por Moisés Barcia conxuga nas doses precisas transparencia, claridade expositiva, unha estrutura coidadosamente estudada e, por último, un argumento que aborda cuestións de interese social. Talvez a máis relevante sexa a da violencia xorda, en tantas ocasións gratuíta, que sofren as mulleres para ir aos poucos converténdose nun canto á rebeldía e á dignidade grazas ao relato das vidas de Smita, muller da caste dos intocables hindús que perseguirá superar as dificultades case insalvables para sobrevivir e para procurarlle un novo horizonte á súa filla; de Giulia, que afronta na súa Sicilia natal retos de carácter sentimental, familiar e laboral e, finalmente, de Sarah: unha muller canadense independente, en aparencia triunfadora, que verá a súa vida truncada por unha enfermidade.

Colombani consegue, con habelencia, aparente sinxeleza e sen esquivar a dureza na descrición das diferentes situacións, deseñar unha proposta que amosa o devalar das biografías destas tres mulleres ata que os seus destinos -malia as distancias, malia os contextos tan distintos- vaian, explotando a metáfora que dá título ao libro, trenzarse.