O último agasallo da avoa Virtudes

FUGAS

Pinto & Chinto

Virtudes é a gran protagonista da novela que gañou o premio nacional. Ela restaríalle importancia ao galardón, pero estaría intimamente satisfeita. Tan satisfeita coma nós

22 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos anos sesenta, o pai do escritor Xesús Fraga mercaba La Voz de Galicia e dáballe o cupón á súa moza para que puidese seguir o curso de inglés que ofertaban no xornal. Co tempo ambos casarían e comezarían a vida matrimonial en Londres, onde estaba a avoa Virtudes. Por un problema de saúde retrasaron a marcha un par de meses e para entón Isabel quedara embarazada. No Reino Unido non aceptaban emigrantes con fillos, pero cruzaron os dedos e embarcaron cos seus contratos de traballo agardando que no control médico da fronteira non descubrisen que unha nova vida estaba en camiño. Así foi como o novelista naceu en Londres e alí viviu os primeiros anos, ata que os seus proxenitores decidiron que era hora de regresar a Betanzos.

A historia familiar é a base de Virtudes (e misterios), a obra coa que Fraga vén de gañar o Premio Nacional de Narrativa. Xesús non foi detectado naquel férreo control e aquilo marcou a súa vida, como tamén o regreso, pois tivo que adaptarse a novas comidas, a outra lingua, a novos costumes ou a unha maneira diferente de relacionarse, incluso de vestir. A nai recorda como a miraban mal por falarlle ao seu fillo en inglés, pois a xente cría que quería ocultar algunha información, cando o facía simplemente para que o cativo non esquecese a lingua. Ata que un día, xa de adolescente, lle pediu expresamente que diante dos demais non o fixese. Isabel, ao seu regreso, foi profesora de inglés, co que lle custara aprendelo cando con 18 anos chegou a Londres!

A avoa de Xesús Fraga é a gran protagonista da novela. Virtudes preséntase como unha muller valente, que tivo a coraxe de sacar as súas tres fillas adiante despois de que o seu home desaparecese unha vez que emigrou a Venezuela. Decidida, ela tamén embarcou, pero o destino foi Londres. O seu lema de vida era: «Todo para os demais, pouco ou nada para min». Unha muller forte, con carácter, porque cando se enfadaba parecía un bulldog e non dubidaba en dicir «Fucking merda» ou «Ti estás wrong», nesa mestura de galego e inglés que falaba. E mentres todos os compañeiros de Xesús tiñan a avoa na aldea, a súa vivía na capital londiniense.

A finais de maio participei nun podcast producido por Laboratorio de Radio e Vinte, unha experiencia marabillosa co escritor e a súa nai, Isabel Sánchez Edreira. Ela lembrou a coraxe e o moito amor que lles transmitiu Virtudes, unha persoa máxica que se fixo querer e que naquel Londres multicultural pasou a ser Betty. Mentres en Galicia cargaba co estigma de ser abandonada polo home, alí atopou familias que a acolleron e a trataron con respecto e a dignidade que aquí non atopara.

Emocionada, Isabel recordaba a impresión que lle causou Londres cando é reclamada pola nai con 18 anos, aínda que se sentía con 9 ou 10, pois non tiña ningunha experiencia e nunca vira mundo máis alá de Betanzos. A súa vila estivo na súa mente o primeiro ano, día e noite, ata que se deu conta de que ao seu arredor estaba o Museo de Ciencias e todo un entorno cultural que lle atraía. Asombrouse ao saber que nos traballos había días libres e a ela dábanlle os xoves pola tarde, un luxo que investía en visitar librerías e facerse con lecturas. Xamais na súa vida coñecera esa liberdade e foi das cousas que máis desfrutou. Sen dúbida, houbo momentos moi duros, pero tamén a emigración lle deu a oportunidade de coñecer outra cultura, outras xentes, de enriquecerse persoalmente e iso prendeu nela e nese carácter vitalista que mantén.

Sen sabelo, a avoa deixáralle un último agasallo, a memoria daquela emigración, daquela epopea anónima á que o seu neto puxo rostro e nome. Seu pai, Tito, hoxe mercaría o xornal para enmarcar as páxinas que se lle dedican ao seu fillo e tería no seu andel esta novela a carón das obras de Neira Vilas, o seu autor preferido, e de Diario de un emigrante, de Delibes. O seu falecemento espeliu ao escritor a rematar a novela e nai e fillo pensan que se a lese Virtudes restaríalle importancia, pero intimamente sentiríase moi satisfeita, como nos sentimos nós de que este premio o reciba unha novela de Xesús Fraga que fala da súa familia, pero inevitablemente tamén de nós.