Cousas que ninguén quererá crer

FUGAS

MABEL RODRÍGUEZ

Josele Santiago compuxo Fractales, unha das súas cancións máis fermosas, tentando describir o que sucede na cabeza dun «señor normal» que padece un brote psicótico. «Están pasando cosas que solo yo puedo ver, constantemente; cosas que nadie querrá creer». Cada vez que escoito esa letra, incluída en Lecciones de vértigo, deixo o que teño entre mans e non podo facer nada mellor que coller aire mentres sinto un arreguizo dos pés á cabeza, ese sinal do corpo que converte unha emoción profunda, por arte de maxia, nunha brisa secreta sobre a pel. «Cosas que nadie querrá creer». Contra esa incredulidade teñen que pelexar arreo as persoas que nalgún momento da súa vida sofren ansiedade ou depresión, coma se as doenzas da alma fosen males menores, caprichos de espíritos febles que se quitan vendo a triloxía da cabalaría de John Ford. Pero os tempos, por sorte, están mudando: comezamos a dar crédito ao que nos din eses señores ou señoras “normais” que viven atravesando “un día más de plomo”, como canta Josele Santiago. E algúns, pensemos en Simone Biles, son os mellores no seu oficio.

Vin a cara tensa da ximnasta retirándose da final por equipos, despois de completar o seu exercicio. E logo escoitei as súas palabras: “Dende que entro ao tapiz estou eu soa, tratando cos demos na miña cabeza”. Quen criticou con lixeireza a súa decisión de abandonar a competición, achacándolle falta de profesionalidade, ese clásico “non poder coa presión”, quizais preferiu pasar por alto que unha persoa con ansiedade pode sentirse incapacitada para algo máis que facer con garantías o seu traballo; tamén para acometer actividades tan pouco estresantes, a priori, como cepillar os dentes ou atar os zapatos, aventuras da vida cotiá que para un ansioso alcanzan categoría de doble salto mortal con triple xiro. Pero non se lle pode pedir outro argumento aos que presaxian a caída da civilización occidental cada vez que nos poñemos a falar de emocións ou practicamos ese deporte tan saudable chamado empatía. Están demasiado ocupados lembrando aqueles tempos en que dicir “non son capaz” era motivo de risa. Á idade de ouro dun estraño humanismo.

Biles decidiu volver á competición e levou o bronce na barra de equilibrio. “Unha vitoria contra a ansiedade”, destacaron algúns titulares rápidos. Pero gañou, por enriba de todo, o abrazo das compañeiras e a comprensión da maioría, agora que unha pequena revolución en curso, oxalá que permanente, chama a coidarnos mellor e a velar pola nosa saúde mental. Días antes, cando aínda non sabiamos se a mellor ximnasta da historia regresaría ao tapiz, vin a Ana Peleteiro noutro abrazo olímpico con Yulimar Rojas despois do salto estratosférico da venezolana, e non dubidei en abrazarme eu tamén a elas abaneando o televisor, igual que un deses espontáneos que saltan aos campos de fútbol para abalanzarse sobre os seus ídolos. Cando recuperei a dignidade no sofá sentín que este verán tan abatido, malia todo, vai servindo para entender mellor as cousas que ninguén quere crer. Teño que abrazar a Josele Santiago en canto se me poña a tiro.