Xosé A. Touriñán: «Cambiaría todo o que me pasa por xogar no Dépor»

JAVIER VILLAVERDE / M. V.

FUGAS

MARCOS MÍGUEZ

Xosé A. Touriñán volve este verán aos escenarios coa xira «Comicamente», un reencontro que percorre Galicia na procura de facer rir en «tempos jodidos»

07 ago 2021 . Actualizado a las 21:56 h.

Con Aquí tou, Touriñán fai un repaso vital, nun monólogo no que «hai partes que son mentira e outras que non son verdade». Considérase introvertido, aínda que asegura que non é «dos que esperan na casa a que os chamen». Aproveitamos para coñecer mellor a un humorista que ía para futbolista e que ten claro que busca traballos que lle fagan «desfrutar e rir moito».

—«Comicamente» volve traer o humor ás rúas. É este o antídoto contra a situación actual?

—Oxalá chegase só con iso. O primeiro antídoto é a vacina, temos que vacinarnos todos. Pero eu creo que tamén necesitamos un pouco de medicina para a cabeza, e dáme a impresión de que a risa é un gran ingrediente, porque levamos moito tempo jodidos e amargados e entón é importantísimo rir.

—Como senta pisar o escenario despois de tanto tempo?

—A pesar de ver á xente separada, con mascarillas, que podería haber máis xente e que están os sitios contados, a volta é un bo paso para a recuperación, tanto para min como para o público. No Comicamente ademais está xente coa que, ademais de traballar, ímonos divertir.

—Está Carlos Blanco, co que traballas moito. Aturádesvos ben?

—Siii, se non non faríamos isto xuntos. É moi fácil traballar con el, é un mestre e aínda encima desfrutamos moito xuntos, por iso repetimos tanto.

—Parecedes xa un matrimonio...

—Case o parecemos (ri), pero moi ben levado e ademais moderno, sabes? Podemos andar con outros e non nos molesta a ningún dos dous.

—Presentas o monólogo «Aquí tou», no que explicas como chegaches a onde estás. Cóntanos parte dese proceso.

—Non é tanto a nivel profesional, é un monólogo cómico. Como digo eu, hai partes que son mentira e outras que non son verdade; é certo que hai parte autobiográfica, pero non moita. Case é chegar a onde estás na vida, desde que o espermatozoide do teu pai se xunta co óvulo da túa nai, ata pensando en como che gustaría que fosen os teus anos de xubilación, desexando que cheguen as excursións do Imserso e toda esa festa que teñen os vellos cando van aí de vacacións.

—Cambiou moito o Touriñán dos inicios respecto ao de agora?

—Son máis vello... É como ese refrán de que sabe máis o demo por vello que por demo. Supoño que o que te fai cambiar son as horas e os quilómetros que lle dedicas á profesión. Non sei a onde quero ir, pero teño moi claro a onde non quero volver. Busco traballos, compañeiros e equipos onde o traballo me faga desfrutar, rirme moito e pasalo ben porque temos esa sorte nesta profesión.

—Algunha mala decisión polo camiño?

—Foron malas decisións no momento, pero das malas decisións é das que máis aprendes, dos peores momentos, de cando cres que te equivocaches... Houbo moitas malas decisións, pero non me arrepinto de ningunha porque aprendín moitas cousas.

—E aquela da que te sentes máis orgulloso?

—É que teño moitas. No profesional, por exemplo, estou moi orgulloso de dicir que non a moitas cousas por diñeiro. Prefiro estar desfrutando, pasándoo ben e traballando con xente á que quero e admiro que non perdendo tempo noutras cousas que me poderían estar dando máis cartos.

—Tira máis a paixón que os cartos?

—Home, tamén che digo que é moi fácil falar coma min dentro da profesión, porque eu non paro de traballar, entón é fácil dicir que non me importan os cartos. Claro que os necesitamos, eu veño de traballar moito tamén, de gañar a vida, de poder vivir disto. Somos unha minoría os que vivimos desta profesión en Galicia. Parece unha fanfarronería, pero é verdade que o único que quero agora é algo que me apaixone e que me divirta. Ademáis, as cousas onde mellor o pasei foron as que me saíron ben e as que me deron unha rendabilidade persoal, sentimental, profesional e económica.

—E como fas para estar en todo ultimamente?

—É segundo o vaian botando. Na televisión imos facendo cousas e bótanas cando lles dá a gana e, ás veces, coincide e parece que estás en todo. É verdade que nunca me faltou curro e, se me falta, búscoo eu. Son dos que non esperan na casa para que o chamen. Pero como fago? Pois todo o tempo que podo dedícollo a isto e, como me gusta tanto, cando teño un minuto, xa estou intentando argallar outra historia, así que imaxina.

—Comentabas antes algo da xubilación. Que tes pensado se algún día paras?

—Encantaríame aproveitar todo o tempo que… Bueno, todo dios espera e, ao mellor, era mellor ilo facendo agora… Pero encantaríame xubilarme pronto, ter cartos e poder viaxar. Todo o que non fago agora de aproveitar para estar cos da casa e viaxar, comer, probar comidas distintas e coñecer lugares diferentes. Encantaríame, de verdade.

—Acabaches como humorista, pero ías para futbolista...

—Si, aínda quero agora, pero cólleme a cousa tarde. Cambiaría directamente o que me pasa por xogar no Dépor, por exemplo.

—Sempre estás a tempo...

—(Ri) Si, agora, para xogar en Segunda B tampouco...

—E es dos que van ao ximnasio a suar ou para matarte despois a «gintonics»?

—Pois eu non vou, directamente. Os gintonics e a comida si, pero ximnasio moi pouco. Vivo no rural e son máis de dar un paseíño polo monte, cando podo.

—E tes un pelazo, como consegues eses rizos?

—Penso que é xenético. Dígoche a verdade, foi maxia. Cando era chaval tiña o pelo liso e un tío meu tiña uns rizos e unhas melenas que nin diola. É desas cousas que desexas de pequeno e que se cumpren. Cando tiña 13 ou 14 anos, rapeino varias veces e saíu cunha forza... Xa saíu rizo.

—Entón parece que tomaches unha boa decisión, ou mala, segundo como o vexas...

—Non boa, boísima. Eu estou feliz. É unha marabilla ter este pelo.