Os territorios de Xela Arias

Ramón Nicolás FUGAS

FUGAS

Xulio Gil / Xerais

30 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é a vez primeira que a profesora Montse Pena aborda traballos de xorne biográfico. Hai algún tempo xa transitou con éxito polos ecos que suscitara a vida e a obra de voces como as de María Victoria Moreno e mais Roberto Vidal Bolaño. Arestora ocúpase das pegadas que Xela Arias foi deixando na vida e na letras e faino con indubidable acerto.

O libro articúlase como un percorrido fluído polos territorios da escritora, beneficiado por un manexo solvente dunha abondosa bibliografía e de numerosas fontes orais consultadas. Todo por xunto, e dosificado con tino, posibilita entrar con pertinencia nas diferentes dimensións que suscita a protagonista do Día das Letras Galegas.

Organizado en cinco fases cronolóxicas compéndianse os anos de formación e mocidade, o tempo da escrita -que practicamente o foi todo- as publicacións ou as diversas ocupacións profesionais onde dialogan indistintamente cuestións de índole biográfica con outras, inescusables aquí, que reparan nas dimensións da súa produción literaria e creativa pois, en efecto, todo vai da man e resulta operativo para deseñar os pasos dunha personalidade firme, independente e, sen dúbida, intempestiva.

Como elementos diferenciais da publicación saliento o material fotográfico e documental que se incorpora nesta edición -con fotografías pouco difundidas e algún interesante material epistolar- e, ao mesmo tempo, a inclusión dunha playlist porque é esta unha biografía na que a música, e a música da que gustaba Xela Arias, está afortunadamente presente como tamén esa idea recorrente de que o concepto da obra da autora non é reducible aos catro libros poéticos publicados: hai moito máis como ben se constata neste recomendable libro.