Esta singular alianza surdiu «Lúa descolorida», un epé no que musican versos da poeta galega
27 feb 2021 . Actualizado a las 12:28 h.Unha artista de Castellón canta en galego versos de Rosalía de Castro. Faino sobre un colchón musical de bossa-nova e pop afrancesado. Este movemento insólito ten, no entanto, unha explicación oculta e moi lóxica. «Todo parte dunha conversa con Lia Pamina, que é compañeira no selo Elefant e con quen sempre tivemos moita camaradería. Falando de poesía, unha vez me dixo que a súa poeta favorita era Rosalía», explica o músico de Fene Rogelio Arias. Xunto a Charlie Misterio, puxo en marcha dende hai tres anos Os Peregrinos. «Contoume que ela precisamente se chama Lia por Rosalía, porque o seu pai é un galego emigrante», engade. Xurdiu a chispa. Pouco despois nacía a alianza que acaba de publicar Lúa descolorida, a homenaxe a Rosalía de Castro en forma de epé desde trío ocasional.
-«Lúa descolorida» é o poema favorito de Lia Pamina. Que vos impulsou a musicalo?
-Cando me dixo iso, collín o libro que tiña de Follas Novas na casa. En canto o lin, brotou unha melodía da miña cabeza. Uns días despois, aproveitando que estaba Charlie aquí, xurdiu xa unha canción. Como iso saíu así, tan rápido e de maneira tan fluída, seguín investigando. Lía versos e aparecían melodías por todos os lados. Rosalía é moi musical.
-Toda esa poesía aterra na súa estética de música brasileira, pop exquisito e folk galego.
-Si, pero porque xurdiu así, de maneira natural. Pronto me din de conta de que os textos de Rosalía encaixaban nesa estética de bossa-nova, tráxica e vitalista ao mesmo tempo. Falo de autores como Vinícius de Moraes ou Jobim, esa cousa de «tristeza não tem fim, felicidade sim». A poesía dela ía ata aí, un estilo do que Charlie e eu somos súper devotos. É algo que nos une moito.
-Suxire entón que a «negra sombra» podería ter unha conexión espiritual co «tristeza não tem fim»?
-Por suposto. Dalgunha maneira, penso que si, que podería haber algunha conexión. Facendo o disco, démonos de conta de que era moi especial poder meter a Rosalía en estilos tan globais como a bossa-nova e o pop, xéneros que xa transcenden ao territorial. Son globais. Para nós, Rosalía é unha poeta universal, totalmente galega, pero que pode tocar a fibra de calquera persoa de calquera país do mundo, igual que ocorre co pop ou a bossa.
-Esta alianza entre Os Peregrinos e Lia Pamina é puntual ou pode ter futuro?
-O máis probable é que repitamos. Xa previamente colaboramos con ela para unha panxoliña no Nadal do 2019. Hai moito feeling. Ela bebe moito da música dos sesenta, de cantantes como Françoise Hardy, France Gall ou Jeanette. E a nós encántanos todo iso. Hai moito en común e traballamos ben con ela. Pero Charlie e eu estamos traballando agora nun single con máis aire electrónico. É unha canción que trouxen de Cuba e queriamos sacala antes do verán.
-Fala de Jeanette. Foi a primeira artista que me chegou a miña cabeza ao escoitar o seu disco...
-Si, dío moita xente. É algo moi recorrente e si que ten ese puntiño.