Tres discos galegos de raíz que marcan tendencia

FUGAS

cedida

Acordeireta, Zumaque e Fernando Abreu actualizan o discurso musical, estético e conceptual da música de raíz

19 feb 2021 . Actualizado a las 14:06 h.

Dalgún xeito son fillos do confinamento. Como apunta o clarinetista Fernando Abreu, «se pechas a un músico na casa, que vai facer? Música». Se a iso se lle engade que, hoxe, para gravar un disco case basta coa tecnoloxía doméstica, xa imos tendo o contexto idóneo. Sumémoslle a imposibilidade actual de levar a música aos palcos e teremos todas as claves que están a propiciar a fertilidade na produción discográfica da que nos últimos tempos gozamos en Galicia.

Unha fertilidade que amosa ademais, en moitos casos, un elemento común: o substrato de tradición convenientemente actualizada na que se basean a maioría destes novos proxectos.

Un dos máis evidentes e suxestivos é Acordeireta. Bástalle a este dúo cun pandeiro e un acordeón para recontextualizar a nosa música de raíz. Empezando polo seu discurso. «O de unha noite no muíño estaba moi ben, pero hoxe non ten sentido porque xa non imos moer. Esas letras xa non me chegan porque non mas creo», comenta Patricia González, a pandeireteira. Así que eles, nas súas muiñeiras, xotas e rumbas, prefiren falar de feminismo, do lume, da lingua, da emigración, da memoria histórica ou mesmo do amor polos animais. E, por suposto, dar cabida a poesía. «Estabamos fartos de que os nosos poetas non se integrasen na música tradicional. Semellaba que quedaban só para a canción de autor». Así que no seu disco de debut, Loitar cantando, puxéronlle musica propia, entendida e parida dende a raíz, a versos de Luz Fandiño, Carvalho Calero, Rosalía ou Celso Emilio.

Juan Carlos Soto Cuevas

«Temos que empezar a crear música de raíz pero dende agora», propón Alejandro Balbuena, o acordeonista. «A dicir veño de aquí pero vou cara a alí», apostila Patricia.

Aínda que dun xeito menos evidente a música tradicional tamén está no substrato xerminal de . A arpista bretoa Bleuenn Le Friec, cunha dilatada experiencia no ámbito da clásica, o contrabaixista Alfonso Calvo, vinculado a varios proxectos de jazz, e o clarinetista Pablo Pascual, comprometido de sempre coa música de raíz, conforman este trío que vén de editar o seu primeiro e delicioso disco, Silván (Producciones Efímeras). Unha marabillosa e variopinta colección de sonoridades dende as que propoñen un «percorrido renovado» polos diferentes ritmos da música tradicional, cun importante espazo para a creación espontánea e a improvisación. Todo iso acompañado, e isto non deixa de ser importante, dunha significativa renovación estética. «O primeiro polo que sorprendemos xa é visualmente», comenta Alfonso Calvo. «A arpa, o contrabaixo e o clarinete baixo non son instrumentos demasiado habituais». A segunda sorpresa chega coa súa sonoridade. «Moi variada, tanto formal como ritmicamente. Non son as nosas, dende logo, as típicas pezas de recollida».

O que ansia Zumaque é poñer en valor e dinamizar estruturas e harmonías da música tradicional, cunha tímbrica novidosa e coidados arranxos.

Outro proxecto iniciático do que xa temos un avance, e do que axiña gozaremos na súa totalidade, é o primeiro disco en solitario de Fernando Abreu, Calma. A Abreu coñecémolo por formar parte de Dous, Cuarteto Caramuxo ou Banda Crebinsky e polas súas colaboracións con Mercedes Peón. Nesta ocasión firma un disco que xurdiu das creacións improvisadas que creou para sesións de arteterapia. «Non ten moito que ver co resto dos meus traballos», explica. «Son tempos lentos, moi de melodías, moi meditativas e que buscan a emotividade». Músicas de sonoridades contemporáneas, pero das que o clarinetista di que «o xeito que teño de facelas conéctame coas músicas tradicionais». A maioría dos temas están gravados a partir de varias texturas de clarinete e en dous introduce o piano de Alberto Vilas.