Un clásico galego en castelán

FUGAS

Xavier Alcalá nunha imaxe de arquivo do 2009
Xavier Alcalá nunha imaxe de arquivo do 2009 José Pardo

«A nosa cinza», un dos relatos de iniciación máis logrados, se presenta en castelán da man do seu propio autor, Xavier Alcalá

19 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Existe un desaxuste evidente no feito de que A nosa cinza sexa un éxito probado da literatura galega e que só agora, cando Xavier Alcalá (Miguelturra, Ciudad Real, 1947) asume o risco de abrir unha biblioteca para difundir a súa obra noutros idiomas, chega ao castelán. Un desaxuste que di tanto dos problemas por construír unha política sólida de promoción dende Galicia como da falta de diálogo das linguas cooficiais entre si e mais entre elas e o castelán. E poucas novelas hai que poidan presentarse nesa ágora común como a versión El calor de la ceniza, en tradución do seu propio autor, xa que se trata dun dos relatos de iniciación máis logrados sobre o que significou medrar na segunda metade do século pasado: unha experiencia que traspasa fronteiras e sistemas lingüísticos grazas á habelencia do seu autor, pero que non resultará allea aos que pasaron da infancia á vida adulta cando o franquismo semellaba unha realidade inamovible mais xa aparecían os cambios que ao cabo se concretarían na Transición.

El calor de la ceniza arranca con ese comezo memorable no que o seu protagonista, Xoán, relata a chegada dos seus pais á aldea en 1940, a sucesión de nacementos dos seus irmáns maiores, que se interrompe coa súa chegada e a morte da nai no parto. En primeira persoa, Xoán vai debullando as relacións familiares e sociais que caracterizan á Galicia do seu tempo, dominada polo dobre fundamentalismo ditatorial e relixioso. É un tempo no que a menstruación é sinónimo de monstro, no que as pelexas son «a piñas» ou «tumbas» ata que se «piden papas». Xoán medra con eses postulados que o obrigan a ser «perfecto» en todo: «catolicamente perfecto». Non é asunto menor que sexa unha estranxeira, Miss Pamela, a que lle permita unha iniciación no que a sociedade lle nega, abrindo tamén unha xanela a un outro futuro no que Xoán podería ser Johnny, como o chama ela, pero tamén un camiño no que o protagonista atopará a Jenny, a «sweet little girl».

Nesta nova edición, Alcalá asina un prólogo que revela as peripecias editoriais de A nosa cinza, realmente novelescas para unha obra que mantén intactas as súas calidades literarias.

«EL CALOR DE LA CENIZA»

Xavier Alcalá

EDITORIAL Biblioteca Xavier Alcalá PÁGINAS 221 PRECIO 14,04