Darth Vader e o poder dos burros


Cambioulle a cánula de traqueotomía a un paciente por unha de prata para que puidese falar e as primeiras palabras do enfermo, imitando a Darth Vader, foron: «Yo soy tu padre». Seguro que Gloria, enfermeira catalá de coidados intensivos, non tiña o mellor día das últimas semanas: traballo ao límite, estrés, ansiedade. Todo o que moitos sanitarios coma ela levan vivindo dende hai un ano. Pero non lle quedou máis remedio que sorrir ante a arroutada do paciente que tanta ansia tiña de dedicarlle unhas palabras. «Estos momentos compensan con creces todos los malos», escribiu nas redes sociais. Imposible levarlle a contraria. Case sempre lembramos as persoas que pasaron polas nosas vidas non tanto polas súas bondades máis recoñecibles, senón por eses días en que nos capacitaron para a risa cando parecía unha tarefa imposible. Non é pouco. E ben pensado, esa é a principal virtude á que todos deberiamos aspirar. A poñernos a imitar a Darth Vader e solucionarlle a tristura a alguén. O resto é prescindible.

O humor curativo de verdade adoita ser o máis absurdo. Nas familias, entre os amigos, nas parellas, pode haber amor, sexo, cariño, afeccións comúns, pero os vínculos entre a xente saen máis fortalecidos cando se exercita ese humor privado, tirando a burro, imposible de levar a outro contexto, que só ten sentido coa complicidade absoluta de quen escoita. En materia de afectos nunca é boa idea abandonarse, pero quen activa esa tecla sabe que xa case está todo feito: vive en compañía nun territorio con risa propia onde só mandan as burradas. O envilecemento da vida pública en España trouxo consigo unha nova visibilidade do cuñado, habitante das sobremesas que tanto sabe de fútbol como de epidemioloxía ou política australiana. A maior desgraza é que acabou por comerlle espazo a esoutro parente tan querido nas familias que se distingue por facer o burro xusto cando máis o precisamos. Non un burro calquera, senón un burro virtuoso. Un burro indispensable, estudoso da risa. Un burro que leva anos especializándose na mesma burrada. O burro que amamos.

Lembro que en El desorden de tu nombre, unha das primeiras novelas de Juan José Millás, había uns personaxes que calibraban a gravidade dos sucesos domésticos cunha medida inventada que denominaban «caseromagnitud». Un café derramado na cociña equivalía a dúas caseiromagnitudes, mentres que o catarro dos fillos, se viña acompañado de febre, eran dez caseiromagnitudes. As discusións de parella medían entre quince e vinte caseiromagnitudes, dependendo da intensidade. E de cando en vez entregábanlle un premio simbólico a quen maior número de caseiromagnitudes acumulaba no transcurso da semana, que é unha forma efectiva de enfrontarse ás cousas cando se nos torcen máis do debido e quedamos sen burradas. Un imitador de Darth Vader, armado cos poderes da súa cánula, compensou as caseiromagnitudes sufridas por unha enfermeira durante sete días. Non esquezamos ese heroísmo tan burro. Sobre todo, cando notemos que nos faltan forzas para mover a boca en dirección a un sorriso.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Darth Vader e o poder dos burros