Poemas coma volcáns: de «Baleas» a «m-Talá»

FUGAS

SANDRA ALONSO

15 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai libros que sempre están presentes e que non sofren o paso do tempo, porque o seu impacto inicial ecoa nas novas voces. Son obras que no seu momento foron acollidas con entusiasmo e que seguiron vixentes como referentes de varias xeracións. Dun tempo a esta parte algunhas editoriais apostan por manter acesa a chama destes clásicos poéticos contemporáneos con novas edicións que facilitan o encontro lector.

No 2018, a Editorial Galaxia conmemoraba o 30.º aniversario da publicación de Baleas e baleas, de Luísa Castro. A colección Dombate acollía o primeiro e único poemario en galego da autora, que no seu momento bateu coa forza dunha onda afouta do seu Cantábrico no sistema literario galego. Unha voz provocadora e arriscada, uns versos poderosos que zumegan salitre e verdade dun tempo ido que permanece en parte grazas á súa poesía. O seu editor, o novísimo Ismael Ramos, nin tan sequera nacera cando Luísa Castro daba ao prelo Baleas, pero a súa influencia chegou a el décadas despois. Hai libros que son coma volcáns, tras a erupción e o tremor que producen, queda a lava sedimentada que fai máis fértil o campo, neste caso o literario.

A finais do ano pasado reeditábase outro clásico contemporáneo do século XXI, m-Talá, de Chus Pato, pasados vinte anos dende que vira a luz por primeira vez. A editorial Euseino? aposta por un volume-alfaia, pola súa coidada fasquía e os interesantes materiais que achega. Carlos Lema é o responsable desta nova edición que non só aparece corrixida e puída de erros, senón que fornece outros textos de interese como dúas entrevistas á poeta, unha delas de Carme Vidal, que destaca unhas declaracións da poeta: «Quixen que m-Talá fose grande, que tivese tantas palabras coma Shakespeare». De sumo interese son os estudos críticos que suscitou este poemario e que aparecen compilados e asinados por: Arturo Casas, María do Cebreiro, Xosé M. Eyré, Armando Requeixo, Helena González ou Teresa Seara. E nos anexos danse conta tamén doutras versións dalgúns dos poemas encontrados nos cadernos de notas da autora, así como referencias bibliográficas.