Viaxe ás profundidades da luz


Estiven na exposición sobre José Ángel Valente en Ourense, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, e marchei pola rúa do Paseo cuns versos na cabeza de El Cristo, la ciudad y el tiempo: «Recuerdo la ciudad/rodeada de niebla,/como una fortaleza/donde entrara el invierno/a lentas embestidas./Y la niñez se desleía en llanto,/en tristes goterones que caían despacio/del día al mes, del mes al año, del año a la distancia». O poeta abandonou as néboas ourensás da infancia nun itinerario que o levou a Madrid, Oxford ou Xenebra para rematar os seus derradeiros anos en Almería. Estaba necesitado de luz, entendida como experiencia extrema, e atopouna no oriente andaluz por indicación de Luis Goytisolo. Unha luz convertida en espazo físico e espiritual onde puido rematar, e de xeito extraordinario, o seu traballo místico. Os poetas sufís que tanto admiraba refírense aos territorios en que agroma a palabra poética como «desertos da proximidade». Valente tiña un deserto xeográfico preto da casa, o de Tabernas. Un lugar idóneo para forzar os límites e procurar unha experiencia total coa linguaxe. «Hay una luz remota, sin embargo,/y sé que no estoy solo;/aunque después de tanto y tanto no haya/ni un solo pensamiento/capaz contra la muerte,/no estoy solo», intuía xa en A modo de esperanza, cando apenas tiña vinte e cinco anos. Esa luz futura era Almería. Valente quixo ser soterrado ao pé do Montealegre, que algunhas tardiñas da canícula auriense compite en fulgor con Cabo de Gata.

«Cando procuras raiolas, ou útiles/cos que imitar a felicidade,/andas tras estrelas descoñecidas», escribe Carlos Lema no seu exquisito Álbum da cuarta dimensión (Chan da Pólvora). Estes días próximos ao solsticio de inverno corresponden coas xornadas de menos horas de luz solar do ano. Unha escuridade circunstancial, resultado dos ciclos da natureza, que ben poderiamos aplicarlle ao 2020 enteiro: mesmo no verán, a este ano maldito roubáronlle a luz. Os sanitarios brillaron coma nunca, ás veces moi ao seu pesar, salvando vidas, e seguen a facelo cada vez que saen a defender a sanidade pública ou nos amoestan por irresponsables. Pero a realidade é que non houbo maneira de iluminar estes meses que xa se apagaron en marzo. Así que o 2021, vacina mediante, e desculpando a escasa orixinalidade do desexo, debería ser por forza un ano de luz radical para todos. O ano da viaxe cara a algún fulgor extremo, como a que emprendeu Valente buscando o deserto, real ou simbólico, na tensión sen límite das súas palabras. Unha viaxe de volta a algunha luz física ou emocional, a que sexa. Temos por fin unha vacina disposta a defendernos dun virus por arte da ciencia. A Margaret Keenan, esa muller británica que abriu os informativos sentada nunha cadeira de brazos azul, iluminóuselle ata o pingüín da súa camiseta cando a recibiu. Pero desta escuridade que se nos meteu nos ósos sairemos máis amodo, con outros antídotos. «Como se aprende a mirar/se o íntimo inunda sempre/as acuosas cristaleiras do mundo?», pregúntase Lema. Con luz e unha onda de poesía, talvez.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Viaxe ás profundidades da luz