Brillantez

Ramón Nicolás

FUGAS

CARMELA QUEIJEIRO

As dimensións da condición humana, ás veces contraditoria, circulan na novela «O paraíso dos inocentes», de Riveiro Coello

20 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Se a unha proposta literaria o que se lle pide é que capte a atención de maneira que prender de novo nas súas páxinas constitúa unha necesidade e que emocione, O paraíso dos inocentes, novela de Antón Riveiro Coello que foi premio ex-aequo na última edición do Torrente Ballester, cumpre estas condicións.

O conflito sirio non é un aséptico pano de fondo das diversas historias que se van entrecruzando con fluidez. Percorremos con transparencia a fragmentada cidade de Alepo e un barrio de Bruxelas, mais tamén outros territorios da ignominia e barbarie: espazos que conflúen na trama mercé uns personaxes sólidos e memorables. Píntanse aquí os rostros a esta ferida aberta camiñando pola dor que arrastran Karim, Amira e tantos outros; sentimos a soidade e o abandono ao que son sometidos coa quebra das propias raíces e coa presenza da morte sempre a roldar, vibrando sempre o son desa aldrabada que alude á indiferenza que suscita a guerra. Con todo, nunca se esquece manter aceso o facho da esperanza como tampouco asomarse aos ecos dalgunhas traxedias, como o tempo perdido na relación entre un pai e un fillo. Todo por xunto agroma como algo tanxible e ao tempo vívido.

Á plasticidade e á transparencia que encerra a novela contribúe un rexistro literario de altura e teño para min que antolóxicas resultan, por exemplo, as páxinas en que se retrata a explosión dun artefacto nun aeroporto ou as do reencontro de dous personaxes, pola súa intensidade e, ao tempo, pola contención expresiva que as fai precisas e exactas.

Circulan neste libro, e a ferrados, as dimensións da propia condición humana, tantas veces contraditoria. Esculcar nela, facelo inspirándose nunha guerra que, como sinala unha protagonista, destrúe «todos os lugares da memoria» e realizalo coa precisión de ourive para deseñar o paraíso dos inocentes non é tarefa doada e menos aínda saír do reto con tanta brillantez.