Cando a vida é unha novela


Teño unha amiga que nunca le novelas, prefire os libros que falan de algo e non os que falan de todo. Ela destripa mecanismos e eu aliméntome de historias. O outro día contoume unha, a da súa nai.

Lola tiña os ollos grandes e escuros e unha boca carnosa que levaba a pensar en antigos mestizaxes. Era a máis pequena de catro irmáns, pero da adolescencia só pasaron dúas. Vivían nunha bonita casa labrega no alto dun outeiro. O pai ía e volvía de América, de onde traía un enorme baúl cargado de cousas. Da natureza desas mercancías e dos inicios desas viaxes non sabemos nada. Válenos para saber que matizaban a pobreza. Ata tiñan cabalos que a nai montaba con destreza. Unha caída fatal acabou coa súa vida e coma se a morte fora contaxiosa, pouco despois morreu o pai.

Era case unha nena orfa cando namorou. Chamábase Matías e era un mozo ambicioso. Xuntos edificaron o lugar onde viviría para sempre. Se elevaba a vista podía ver no alto a casa da infancia onde quedaba a súa irmá, que acababa de ser nai. Traballaron arreo e amáronse sen casar na España franquista. Naceu un bebé precioso de enormes ollos verdes. Matías escribiu a data na fachada mentres o cemento que a recebaba aínda estaba quente. Era 1949 e Matías sentiu a chamada da fortuna. Dende Bos Aires escribíalle longas cartas. O día que regresou fixeron o amor sobre a herba do prado vello. Logo nacería outro neno e Matías volvería marchar. A vida era dura, con dous nenos pequenos e un home ausente. Un ataque de ciática deixouna convalecente. A súa sobriña, que viña de casar, botáballe unha man eses días. O marido novo tamén quixo botarlle unha man. Entrou na alcoba, pechou a porta e violouna. Ninguén soubo dese acto ignominioso, pero todos souberon da chegada da nena. Tamén Matías, que cando regresou o fixo para casar con outra.

Antes de morrer, Lola díxolle a súa filla quen era seu pai. Por iso se parecía tanto as súas curmás, pensou ela, e tamén, que para que ler novelas cando a túa vida é coma unha.

O violador vive. É un avó ideal.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Cando a vida é unha novela