María Victoria, filla de Carvalho Calero: «Todas na casa estabamos arredor del, do que necesitase»

María Victoria Carballo-Calero Ramos lembra a figura do seu pai e achega unha visión íntima dun home esixente tamén no ámbito familiar: «El quería resultados, se sacabas dez matrículas en lugar de cinco, moito mellor»


María Victoria, filla pequena de Ricardo Carvalho Calero, é catedrática de Historia da Arte na Universidade de Vigo e académica de Belas Artes. Ela achega na súa memoria viva as lembranzas do pai, da súa casa en Fingoi e as merendas con Fole, Luís Seoane ou Pimentel. «Era o normal para min», expresa nun ano no que valora por riba de todo as reedicións da obra do seu pai. ­

-Como era don Ricardo como pai?

 -Era unha persoa seria, dende logo. Non facía nada para non selo. Impoñía; tamén era sentimental, aínda que non amosase aparentemente os sentimentos, e moi familiar, moi traballador. Todas estabamos arredor del, do que necesitaba e do que pedise.

-As tres mulleres da casa, vostede, a súa irmá, e a súa nai axudaron a levar adiante a súa obra?

-Si, era así. Eu teño máis presente a etapa de Fingoi, e nese tempo miña irmá estaba facendo xa a carreira. Miña nai e mais eu estabamos supeditadas a el e aos seus traballos.

-Como era esa axuda? Mecanografaban?

-El facía todo a man ou a máquina. Eu sempre conto que cando estaba facendo a Historia da Literatura Galega había que curtar as notas en tiriñas, e todo iso facíamolo entre todos. Nós tamén, claro.

-Vostede era consciente entón dese legado? De todo o que estaba a vivir e a producir? Vía a figura do seu pai como a que era?

-Non. Eu xa nacín niso e para min era o normal. Logo cando fun estudar a carreira xa empecei a oír en Santiago quen era el. Pero a min parecíame que era o traballo do día a día, o máis normal.

-Pero compartía na casa no que el estaba metido?

-Sabiámolo, pero a min [ri] non me explicaba. Simplemente tiña que colaborar e por iso sabía o que estaba facendo.

-Non facía de mestre, non explicaba: 'Mira, nesta gramática hai isto', 'vou engadir isto outro'...

-Non, el chegaba e dicía: 'Necesito unha persoa para tal cousa'. Ti poñíaste, e cando podías, marchabas. Era así.

­-Como influíu en vostede «ser a filla de»?

-Eu fun para Santiago e alí empecei a notar que era unha personalidade, pero estamos a falar aínda dos anos sesenta, e todo ese mundo coñecíao moi ben porque pola miña casa de Fingoi tiñan pasado personaxes de todo tipo, das letras, das artes, pero a min parecíame o normal.

-Quen pasaba por alí?

-Recordo levarlle a merenda a Fole, ademais Fingoi estaba alonxado do mundo. Case non había nin taxis, entón as persoas que chegaban alí, quedaban. Tamén ían Luís Seoane, Celestino Fernández de la Vega. Lembro tamén ir co meu pai a casa de Pimentel. Eran os seus amigos, os seus colegas.

-A quen recorda con máis cariño, polo menos cos ollos de rapaza?

-Recordo os domingos, que a el non lle gustaba ir só ao centro de Lugo, e ía sempre con el e paseábamos polos Cantóns con Celestino Fernández de la Vega e o seu fillo. Eles ían diante, e nós detrás. Visto desde hoxe, era unha infancia non moi axitada ou alegre. A vida cambiou moitísimo.

-O seu pai era o centro?

-Si, sabiamos que era o noso deber e ninguén pensaba facer algo que puidese alterar a vida normal del.

-Como era a relación del coa súa muller, a súa nai? Ela estaba máis unida con vós, coas fillas?

-Non, ela estaba unida a el. Aínda que sempre nos botaba unha man, pero el tiña con ela unha unión total. Pasaron moitas vicisitudes.

-A súa nai tivo que asumir, no tempo que el estivo no cárcere, e outras moitas veces, o mando da casa, o sustento familiar. Ela tirou de vostedes.

-É que visto desde hoxe, foi unha vida moi dura para todos. Fingoi era unha especie de exilio, era unha vida consagrada ao deber e pouco máis. Nos veráns si íamos a Coruña, pero sempre moi sobrio todo. Non sobraba nada, pero tampouco faltaba. Eu a etapa na que miña nai tivo que facerse cargo de todo non acordo, porque a que eu vivín foi a de Fingoi. Estabamos alí todo o día.

-O seu galeguismo impregnábao todo?

-Si. Por suposto, pero como a cousa máis normal. Non é como agora que se discute todo, había que ir por aí e nada máis.

-El era na casa bastante tolerante?

-Non, tolerante nada! É que xa a casa era así, ti non podías traer problemas, el quería resultados. E se levabas dez matrículas mellor que se levabas cinco. Era esixente con todo, pero nos estudos non tivo queixa, eu en Fingoi tampouco tiña moita cousa que facer, así que estudaba.

-Cre que o seu legado chega fiel a quen el foi? Ou neste tempo foi desfigurado? Refírome tamén á cuestión das normas do galego para achegarse ao portugués.

-El dicía sempre sobre as cuestións lingüísticas (a min protexíame nese aspecto): 'Ti es historiadora da arte e eu filólogo'. Porque tiña moito medo de que a min me afectase. El tiña o seu criterio e dende longo non ía torcelo por nada. Penso que nun país normalizado é o lóxico. El non fixo as cousas por ningún outro interese máis que polo galego, nin por diñeiro, nin por méritos, nin por nada.

-Nunca mudou nesa meta.

-Tíñao claro, porque el pasou toda a vida estudando e chegou a esa conclusión. E cando chegas a unha conclusión, e non es político, pois segues por aí. Pero sen ningún espavento. El non aspiraba a outros honores máis que defender o que pensaba. Creo que ninguén pode dicir outra cousa.

-Falaba da súa infancia?

-É que eu cando marchei para Santiago e casei logo xa non estaba. E cando ía facerlle unha visita non contaba esas historias, sabía máis ou menos do que ía o asunto, pero non pensaba que lle afectara tanto como algunhas veces alguén di.

-Como vive este ano de celebración?

-Penso que a obra se volveu editar e eu non pido cousas raras como non pediría el. Noutros debates xa non entro. Iso é cousa dos discípulos, para min o máis positivo é que podemos volver lelo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

María Victoria, filla de Carvalho Calero: «Todas na casa estabamos arredor del, do que necesitase»