Fillo de Eva

Miguel Mato Fondo FUGAS

FUGAS

En «Fillo de Eva», Pilar Pallarés recolle 88 poemas de Carvalho Calero
En «Fillo de Eva», Pilar Pallarés recolle 88 poemas de Carvalho Calero Nuria Cancela

30 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Pilar Pallarés redixiu un importante ensaio sobre a obra poética de Carvalho Calero. Titulouno de xeito inspirado, Fillo de Eva.

Fillo de Eva. Entendémolo cando lectores da súa obra poética, tan en silencio esta, en tanto o outro Carvalho, o filólogo, o teórico da literatura, espallaba a súa palabra, o seu maxisterio, pola tribu e facía grande unha literatura humilde: «Tratei á literatura galega como se fose a literatura grega. Aquela literatura humilde é tratada con tanto rigor como se se tratase dunha literatura espléndida».

Carvalho fai referencia á súa obra ensaística máis importante, a Historia da literatura galega contemporánea. A obra de consulta inmediata, necesaria ou imprescindíbel, da que tiramos tantas ideas, tantas intuizóns. O código do que aprendemos tanto, non só de literatura galega.

O vello profesor desempeñaba, na década dos oitenta, un intenso labor divulgativo no campo da sociolingüística e das letras de nós. A súa palabra, que hoxe escoitamos en gravacións, mostra un inconfundíbel ton pedagóxico, mesurado, de bon humor e con faíscas irónicas. A poesía de Carvalho é unha tensión meditativa que percorre os seus versos en substentada intensidade. Hai nela o que P. Pallarés chamara «incapacidade para se entregar á vida», e que aparece precisamente no, para min, mellor poema de Pilar, e que poderiamos titular «O escriba». O poema que cerra o Livro das devoracións.

Ese poeta inábil para a vida que escrebe o que lle excede (din os versos de P. Pallarés) é xa que logo, Carvalho Calero, o fillo de Eva. Porén, na súa obra non está ausente a vida nen o seu gozo, nen o erotismo. Todo iso aparece submetido ao facto de pensar, ao intelectual e reflexivo que cinxe o poema e o refrea. A poesía de Carvalho Calero é a dun home que se debate entre os lindes da súa humanidade e a nostalxia dunha condizón divina. O drama de quen vive contra o seu destino.