As artes escénicas pasaron a ser a reserva cultural destes tempos. Malia as restricións, os festivais de teatro seguen celebrándose e varias compañías aventúranse con novos espectáculos
23 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Nin a Rede en estado de shock, nin os ridículos aforos dos teatros, nin as perdas económicas que padecen os seus profesionais foron quen de parar o teatro galego. Ao contrario, o que propiciou foi un sentimento de colectividade e de comuñón entre o propio sector, o público e os programadores que non se lembraba dende aquel febril entusiasmo escénico dos primeiros anos da democracia. Por que está a ocorrer isto? Cada quen ten a súa teoría ao respecto. Fina Calleja, de Sarabela, aduce: «No teatro estamos moi afeitos a traballar en situacións críticas e con moi poucos recursos». Para Guillermo Carbajo, de Redrum, é unha cuestión de supervivencia. «Seguir adiante é a nosa única opción. Nós non nos podemos acoller a un Erte. Non podemos pararnos e pensar. Mentres os programadores sigan adiante, nós tamén. E, por sorte, o público nota que a profesión está en risco e está apoiándonos». A actriz María Vázquez atopa a xustificación da pervivencia teatral nestes tempos en dúas razóns: «Por unha banda, o sector tomouse moi en serio o tema dos protocolos sanitarios e o público percibe o teatro como un espazo seguro. E por outra, é certo que hai máis unión entre nós e que se fixo como unha rede de apoio á cultura, na que boto de menos as Administracións».
Non son tres voces calquera nin escollidas ao azar. Trátase de tres compañías que asumiron a valentía de estrear os seus espectáculos en plena pandemia.
No caso de Redrum, a estrea de O mozo da última fila estaba prevista para finais de marzo. «Estrear había que estrear porque xa tiñamos todo feito. O problema é que quedamos sen distribución e sen novas contratacións. A maioría das funcións que estamos facendo agora son adiadas do anterior semestre», comenta o seu actor e produtor Guillermo Carbajo.
Tampouco tivo dúbidas Sarabela á hora de seguir adiante con A lingua das bolboretas, o ambicioso proxecto co que conmemoran o 40 aniversario da compañía. Lembra a súa directora, Fina Calleja, que «non faltou que nos dixese que era un suicidio pero nunca tivemos dúbidas entre facer o espectáculo ou deixalo nun caixón. E, curiosamente, unha vez tomada a decisión de facelo, todo foi moi sinxelo. Houbo moita complicidade, moita paixón e estannos a pasar cousas lindísimas. Non sei como dicilo. Foi todo máis difícil, pero, ao tempo, tamén máis doado».
O caso de María Vázquez é un dobre mortal. Non só estrou espectáculo, A xente 2.0, senón que creou compañía propia, Amorodos Producións, xunto a súa parella, o actor e director Víctor Duplá. «Era algo que tiñamos en mente e que intentamos facer varias veces. E mira, foi curiosamente no confinamento, que semellaba o fin de todo, onde vin a oportunidade de convertelo en realidade. Tiñamos a obra e o proxecto, viviamos xuntos e polo tanto podiamos ensaiar, así que decidimos tirar cara adiante, aínda que sinceramente pensaba que non tería a quen venderllo».
Nada máis lonxe da realidade. A xente 2.0, unha obra cun formato non convencional que mestura o presencial e o virtual, estreouse a semana pasada no FIOT de Carballo. «A resposta por parte do público foi excepcional», apunta a actriz. «A xente como que se puxo moi a favor. Non só con esta obra, senón co teatro e a cultura en xeral. Deuse conta non só de que a cultura é segura. É que a cultura sanda».
En termos semellantes maniféstase Fina Calleja. «Os espectadores están a levarnos en volandas. É incrible como está respondendo a xente. En 40 anos de profesión non teño sentido este calor, esta enerxía... Chego á casa rendida pero máis feliz que nunca».
O problema é que os aforos son limitados ata extremos absurdos. Fanse funcións en teatros para un máximo de 25 persoas. «É certo que o público está moi con nós», apunta Guillermo Carbajo. «Pero con estes aforos a situación é insostible, tanto para as compañías como para as Administracións», engade María Vázquez.
¿Por onde pasa entón a solución? Fina Calleja teno claro: «Novas realidades implican novas necesidades. Hai que colocar o acento non só na exhibición, senón na produción de contidos axeitados a esta nova realidade». Unha opinión distinta mantén Guillermo Carbajo. «Propóñennos axudas a produción, pero non teñen sentido. Xa producimos máis do que se pode exhibir». María Vázquez sentenza: «Non é que a pandemia acabara co teatro. A pandemia o que fixo foi evidenciar os graves males que o teatro xa tiña. Agardo polo menos que isto sirva para unirnos».