Follas de outono que falan do que somos


Atrás quedaron os días de verán. O outono xa tintou as uvas, amarelou as follas e encheu os soutos de castañas. Na terra é tempo de colleita: a vendima, o millo, os cogomelos, os marmelos, as abelás ou os figos. E nas cidades aparecen as castañeiras nas prazas que dan arrecendo e quentura a estes primeiros fríos e chuvias. Mentres os días minguan, as editoriais tamén preparan o lanzamento de novidades para un trimestre que adoita ser o máis importante do ano, coincidindo coa campaña de Nadal. As librerías engalanan os seus escaparates con follas novas, mais tamén é bo momento para aquelas que xa pasaron máis dun outono.

 

Polo acaído do título, reparo no libro de relatos Entre a vendima e a castañeira (Editorial Galaxia, 1957), que supuxo o regreso á narrativa galega de Ramón Otero Pedrayo despois de máis de vinte anos de silencio. O patriarca das nosas letras debía ter escritas moitas historias que quedaron inéditas, como se pode comprobar no seu arquivo depositado na Fundación Penzol. Neste caso foron Carballo Calero, García Sabell, Fernández del Riego e Piñeiro quen escolmaron estes vinte contos para dalos ao prelo. Como non tiñan unha cohesión temática, escolleron un título estacional que os enmarca temporalmente e dá conta dun ciclo pechado.

O volume inaugúrao «A revolta de Casdenón» que nos leva aos outonais Chaos de Amoeiro cando se erguen as néboas e os penedos lourean coas primeiras raiolas. Esa fermosa paisaxe é o limiar dun conto que finaliza nun crime rural por un vello problema de fincas. En toda a literatura do autor atopamos a preferencia pola Galicia rural, pola crónica da súa decadencia. Quizais ao lectorado novo lle custe entender estes conflitos, as crenzas relacionadas co máis alá ou a importancia das colleitas. Mais ese é o país que fomos. Recentemente o historiador Xavier Castro propúxonos unha amena viaxe ás nosas raíces en Servir era o pan do demo. Historia da vida cotiá en Galicia, séculos XIX e XX. Fiando anécdotas con datos explica o gran cambio que experimentou a sociedade galega dende a hixiene á gastronomía, pasando pola educación ou o tempo de lecer. Nese tempo a preocupación sería que non chovese para poder recoller as colleitas, pois en Galicia a fame entraba nadando. A literatura de ficción e aquela que non o é axúdannos a coñecer historias anónimas, da nosa xente, que son necesarias para reconstruír o noso relato como pobo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Follas de outono que falan do que somos