Memoria da estudante aglomerada


Son tempos difíciles para aglomerarse. A policía disolve botellóns, festas clandestinas, reunións que xogan coa saúde de todos. Hai una foto histórica que inmortalizou unha fermosa aglomeración na rúa Nova de Abaixo, en Santiago, un xoves de outono de 1998. Tirouna Xosé Miguel Castro, un estudante que botou unhas semanas en La Voz facendo prácticas como fotoxornalista. A identidade fascinada (Galaxia, 2015), novela de Antonio Piñeiro sobre as aventuras universitarias da súa xeración, empregouna como reclamo na portada. De cando en vez vémola nestas páxinas acompañando informacións que nos devolven a aqueles anos tan aglomerados. A instantánea recolle o espírito dunha noite de xoves coa rúa ateigada de babyboomers tomando copas, en actitude de verbena permanente, investigadores de estímulos, reticentes á luz diúrna para desgraza dos veciños madrugadores. Vista cos ollos de hoxe, que despreocupada inmediación transmiten eses estudantes aínda medio grunges, que resacas se albiscan nos seus horizontes. Hoxe sería imposible esa fotografía. Non só pola crise sanitaria que vivimos, senón porque a cidade hai anos que deixou de ser un campo de manobras para a diversión estudantil en masa. Os únicos que se aglomeraban ultimamente polas rúas compostelás, ata a chegada da covid, eran as columnas de peregrinos. Xosé Miguel Castro estivo brillante inmortalizando unha aglomeración que xa non volverá. Aquela rúa Nova de Abaixo foi soterrada polo vento da historia.

«Oh, Jeanne, que camiño tan estraño tiven que tomar para atoparte». Con ese corolario remata Pickpocket, a obra mestra de Robert Bresson, paráfrase espida de Crime e castigo, de Fiódor Dostoievski. O protagonista alude a un itinerario polo que somos guiados sen que comprendamos a razón da viaxe: a vida está en mans dun ente descoñecido que manexa os fíos da nosa existencia, un bromista que xoga a desorientarnos. Sara Mesa, nas librarías con Un amor (Anagrama), confesaba estes días que a vida nos ensina que podemos acertar de casualidade, dando rodeos, tamén por pura neglixencia. As aglomeracións máis ou menos clásicas, anteriores a este marzo, como a que captou un fotógrafo en prácticas a finais dos 90, están a ser substituídas por tumultos anómalos, dificilmente comprensibles para un observador de hai dúas décadas. No cume dun monte de Lleida vimos centos persoas amoreadas para facerse unha foto, subliñando unha tendencia social á aglomeración rara, motivada por propósitos enigmáticos, que xa vén de antes da pandemia. Todos temos nostalxia deses días en que para aglomerarnos non era necesario atacar un alto pirenaico, nin disfrazarse de montañeiro con pretensións. Abondaba co esforzo de buscar un bar á hora axeitada, acudir a un concerto ou convocar amigos con aire desmedido. Pero vivimos tempos incertos, unha época de estraños rodeos. Días de desvíos bressonianos cara a un lugar onde oxalá teñamos constancia de estar acertando, aínda que agora non o pareza. Triunfa o colapso nos montes, querida Jeanne. Que alguén poña en Santiago unha placa en memoria da estudante aglomerada.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Memoria da estudante aglomerada