«Agnes Grey», chega a Brontë máis descoñecida en galego 

Unha coidada edición de Irmás Cartoné achega este clásico da literatura británica aos lectores galegos


Só se me ocorre un pracer maior que descubrir a Anne Brontë, a pequena das tres xenuínas novelistas, e é facelo en galego, da man da tradución de Celia Recarey Rendo e cunha edición tan coidada e impecable como a que agasalla Irmás Cartoné. Esta editorial independente dedicada á publicación de clásicos da literatura universal ten entre as súas novidades deste verán a primeira novela que Anne presentou co pseudónimo de Acton Bell, Agnes Grey.

Estamos na época vitoriana e a filla dun clérigo, Agnes, vese empurrada a buscar sustento como institutriz aos 19 anos. Farao en dúas casas distintas onde tomará conciencia dos privilexios das clases altas, das dificultades insalvables dunha muller humilde para emanciparse e coñecerá o amor. Una experiencia pola que pasou a autora.

Eclipsada certamente polo talento de Charlotte (Jane Eyre) e Emily (Cumios borrascosos), a estrea de Anne en 1847 pasou máis desapercibida. Sorte que se repite co seu segundo traballo, The Tenant of Wildfell Hall. O tempo está a desvelar a calidade literaria da pequena da familia máis popular de Haworth e da literatura inglesa. Saír do fogar era un soño para Agnes, como o foi para Anne. «Que deliciosa tarefa a de amosarlle ás mentes novas a dirección axeitada! Guiar as plantas novas e velas botar gomos día tras día!». Unha aspiración que tornou en desencanto, pero tamén en revelación. A través dun relato íntimo, Agnes Grey é talvez a máis feminista das novelas escritas polas tres irmás. A que máis cuestiona a moral vitoriana, a que máis antepón os anhelos dunha muller por ser ela.

«Poñédeme a proba, é o único que vos pido, e veredes que son capaz de facer», fala Agnes e escribe Anne. Un desiderato por ter a súa voz propia na familia? «Todas as historias verdadeiras conteñen unha ensinanza; aínda que, nalgunhas, o tesouro pode ser difícil de atopar», comeza o texto. Como Emily e Charlotte, Anne faleceu moi nova, con 29 anos, e sen concluír unha carreira que nos deixa tesouros coma este.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Agnes Grey», chega a Brontë máis descoñecida en galego