A mesma néboa, o incendio de sempre


«Os densos bancos de néboa dificultan a visibilidade e manteñen pechada a autovía A-8 ao seu paso polos municipios de Mondoñedo e Abadín». Podemos estar metidos nas profundidades do verán, saciados de luz pola incandescencia dos días, pero sempre haberá quen discuta a primacía do sol. O caso da contorna do Fiouco, elevado a clásico da información do tráfico, é un valor seguro na exaltación das brétemas. Dende unha mañá luminosa, cando pensamos que o sol gaña por unanimidade no mapa do país, resulta estraño pensar que haxa lugares preto de nós sumidos na pintura aquietada da néboa, á marxe dos brillos estacionais, como garantíndonos que queda un sitio onde é posible aquel conto de Fole en que viamos pasar dúas persoas baixo un farol, entre a confusión das tebras, e logo descubriamos que un deles levaba tempo morto. Pero alguén ten que levarlle a contraria á maioría absoluta da luz. Co material da néboa ergueuse toda unha mitoloxía oposta á nitidez, enigmática e sinuosa, favorecedora do misterio e a sospeita, un mundo borroso de novelas e películas das que moitos non quixemos saír nunca. E a brétema adoita ser tamén un lugar de paso na vida onde cómpre deterse, ás veces obrigados polas circunstancias, para lle buscar a solución máis axeitada a un xeroglífico. A Patricia Highsmith, autoridade en ambigüidades morais, prestáballe traballar baixo o seu influxo. Escribía media trama dunha novela e logo mergullábase en mestos neboeiros, sen plan establecido, para descubrir o rumbo dos seus personaxes. Ninguén discute que así lle saíron varias obras mestras.

Fronte ao esplendor das néboas canta victoria estes días, nos partes meteorolóxicos, o protectorado abafadizo das terras de Ourense, histórico opositor á Galicia que sae de noite con chaqueta. Os informadores do tempo das televisións con sede madrileña adoitan acompañar con sorpresa o anuncio das temperaturas aurienses, que quizais deberían abandonar a liga atlántica para competir na liga do Guadalquivir. Non é de estrañar que logo haxa alguén que, entre o descoñecemento e as mellores intencións, chegue a pensar que os aires saharianos do focho ourensán gardan relación co cambio climático ou con algunha outra anomalía. No que respecta ao saber literario, hai noticia da calor que se pasa na ribeira do Miño, polo menos, dende que a finais do XIX un granadino de Ourense chamado Francisco Álvarez de Nóvoa, prosista fundacional da nosa literatura, describiu con mérito histórico algunhas ardencias da cidade en Pé das Burgas. Queda claro que os incendios daquela non atacaban coa virulencia de hoxe, porque non retratou ningún deses que agora arrasan cada ano o distrito forestal de Verín-Viana, escenario de hecatombes que aceptamos demasiado sentados, coma se fosen un simple fenómeno meteorolóxico que envolve esas terras tan queridas con aires de fin do mundo. Que mapa tan complicado temos neste século XXI. Mentres unha Galicia bretemosa imita o espírito dunha película da Hammer, coa posibilidade dun Peter Cushing á saída dunha curva, outra arde entre terrores postapocalípticos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A mesma néboa, o incendio de sempre