Un brinde contra os bárbaros


Viviamos orgullosos na opulencia e un día todo se veu abaixo para demostrar que o noso sistema económico era bastante máis fráxil do que pensabamos. Ese é o panorama que debuxa O colapso, a serie estreada en Filmin que nos golpea cunha recreación da apocalipse tan verídica que resulta difícil non sentirse interpelado polas súas premonicións. O crac mundial aínda non está á volta da esquina, pero pouco lle faltará se seguimos negando a evidencia dunha orde política que está deixando baixo mínimos a saúde ambiental do planeta. Efectivamente, somos menos resistentes á incerteza do que pensabamos, e a persistencia dun virus segue a demostralo cada hora que pasa. Hai semanas debatiamos sobre se a pandemia nos faría mellores ou peores persoas, coma se a súa aparición fose unha proba para avaliar o noso espírito comunitario, e agora vemos que se trata dunha controversia totalmente superada, demasiado estreita para explicar os pozos negros da condición humana. Deste desastre, así o estamos vendo, non sairemos nin máis santos nin máis posuídos polo maligno, senón máis propensos a que nos parta en dous unha corrente de aire. E aínda por riba, máis enfurecidos e irritados ca nunca. Dicía Woody Allen en Maridos e mulleres, contradicindo a célebre sentencia de Oscar Wilde, que a vida non imita a arte, senón a televisión ruín. Nesta pandemia sen fondo a vida imita o balbordo en bucle das redes sociais, onde a maioría das polémicas, tan volátiles, demostran que só estamos a favor de escoitarnos a nós mesmos.

A fraxilidade que debuxa O colapso en cada plano secuencia, unha especie de ximnasia nerviosa, desemboca na explosión do medo e na taquicardia da lei do máis forte. E o medo é sempre un axitador perigoso, impredicible. Deixando a un lado a conmoción orixinada pola traxedia humana, á que tanta xente segue sen poder poñerlle palabras, non hai quen non teña experimentado estes días unha renovada sensación de pánico ante os indicadores económicos, ou pensando no remake de marzo que seica nos agarda para o outono, quen sabe se antes ou cando o guionista deste pesadelo prefira sorprendernos. «La idea de la muerte llega siempre con paso de lobo, con andares de culebra, como todas las peores imaginaciones», pensaba aquel Cela primitivo de La familia de Pascual Duarte, cronista de trastornos profundos. Así parece deambular este estraño verán, con certo arrastre de serpe amazónica que nos vai levando cara a un territorio descoñecido, difícil de imaxinar porque asoma dun modo de vida que avanza sen freos e nos ten a todos cos ánimos medio desnutridos. O día en que collamos distancia con esta época de desasosego e poidamos describila sen tentacións emotivas, comprobaremos que canto máis alto ascendemos na pirámide da responsabilidade social, máis se confirma que estamos fóra de sitio como especie, en mans duns bárbaros para os que o futuro nunca participa nas eleccións. Ángel Suanzes reparte esperanza en E se a memoria está na boca (Urutau): «Como ninguén veu á súa hora / brindamos polo aínda». Que nunca nos falte ese vaso.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Un brinde contra os bárbaros