A música: un nirvana salvífico

«Instrumental», de James Rhodes, vén de ser traído ao galego por Eva Almazán

O pianista James Rhodes o pasado verán
O pianista James Rhodes o pasado verán

Desacouga ás veces, arrepía outras, divirte en ocasións e ten esa infrecuente capacidade de formar e informar a un tempo este Instrumental de James Rhodes, traído para o galego con excelencia por Eva Almazán.

É inescusable citar, en primeiro lugar, a transparencia que encerra o relato descarnado que sitúa en primeiro plano as vivencias e as consecuencias das violacións ás que foi sometido na súa infancia, iso que el chama con acerto «o Everest do trauma». Velaí como, para darlle forma, Rhodes abraza un discurso directo, se se quer desenfadado e coloquial por veces, mediante o que sen concesións se ispe sen rubor. Talvez esta fose a única maneira de facelo, pois a súa voz rescata episodios dolorosos do pasado, sen nunca conseguir ser inmune a eles, e permite que visualicemos ese ente «lordento e limoso» que lle sobe ás veces pola caluga arriba, esa vibración silandeira dun posible colapso ao que se asoma, un día tras outro, quen vive á beira dun cavorco. E cando Rhodes fala do que viviu faino de xeito diáfano sen aplicar filtros adozantes para que desta maneira entendamos os dous alicerces que sosteñen o libro: a busca constante da paz mental e como deu con ese «nirvana particularísimo» que é a música clásica e, en concreto, a Chacona en re menor de Johann Sebastian Bach que lle salvou a vida.

Recomendo coñecer este rodopío de vida, tantas veces abalando entre a autodestrución e o autoodio, de mans dadas con excursos que son pequenas biografías dos autores de música clásica máis amados por el e onde non esqueceu construír un epítome dos males que afectan a esta música hoxe. Nun momento do libro dise que a educación musical é un dereito, non un dispendio, e eu non podo estar máis de acordo. Ah, e acompañen a lectura coas pezas que Rhodes recomenda en Spotify: un exercicio fantástico que anima a ter a música clásica máis presente na vida cotiá.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

A música: un nirvana salvífico