Charles Dickens no Café Derby


Pechou o Derby, mítico café santiagués onde pararon Valle-Inclán, Castelao ou Cunqueiro, aberto dende 1929. Enténdense as reaccións unánimes de tristura, a sensación de que unha época de gloria está baixando para sempre a persiana. Sen o Derby, ese fermoso ángulo entre a rúa da Fonte de Santo Antonio e As Orfas vaise parecer a calquera outro ángulo do mundo. Destacouse moito, e con razón, a súa importancia sociocultural e a altura das conversas que se sucederon alí dentro, pero había tempo que todo aquilo xa era parte da nostalxia. Valle-Inclán, en Compostela, mira hoxe para a catedral sentado nun banco da Alameda, torcendo o bico ante a proliferación de runners que lle quitan as vistas. Sería importante que a idealización daquel brillante pasado, cando os escritores medían as súas forzas nos cafés como parte do escenario intelectual das cidades, non ocultase que aínda se segue a falar de literatura nos bares, quizais sen a suntuosidade e garrideza de antano, pero co mesmo amor polos libros. Nin antes medio padrón das nosas urbes recitaba un soneto de John Donne ao segundo vaso, algo que calquera debería facer algunha vez na súa vida, nin agora somos tan insolventes no plano cultural como ás veces se nos fai crer. Así a todo, debeu ser extraordinario coñecer o esplendor destes cafés onde pasaron as horas tantos escritores queridos. Pero a nostalxia é compañeira do tempo vivido por cadaquén, e a min non me sae da cabeza estes días, sen prexuízo da mágoa polo Derby, que alá van trinta e cinco anos dende que fun ver Os Goonies.

Celebramos saíndo da pandemia o cento cincuenta aniversario do pasamento de Charles Dickens, o máis grande escritor da época vitoriana. Temos dispoñible en galego unha das súas obras fundamentais, Oliver Twist (Galaxia), traducida por Moisés Barcia. Contan os que coñecen a súa biografía que Dickens gozou dunha notoriedade que poderiamos comparar co éxito dunha estrela do pop. Nas súas lecturas públicas seica chegou a xuntar ata corenta mil persoas, unha resposta de público que hoxe debería colocalo como cabeza de cartel do Xacobeo 2021, cun baño de multitudes para o que habería que ir pensando máis no Monte do Gozo ca nun Derby resucitado. O coronavirus obrigou a suspender os actos previstos na súa lembranza, pero están a celebrarse diálogos dixitais con expertos de todo o mundo a reflexionar na súa obra. Entre o 26 e o 28 de xuño terá lugar o Festival Virtual do Libro de Galicia, un encontro literario que se poderá seguir a través do portal do evento. Quen lle ía dicir a Valle-Inclán, sentado na mesa do seu querido Derby, case cen anos despois da súa morte, que os escritores do século XXI debateriamos fronte a unha pantalla e coa lavadora posta. Nada que obxectar ao nacemento e ás posibilidades de toda estética futura. Pero en canto volva a vella normalidade, apúntome a apoiar unha lei de excepción que nos obrigue a facelo todo presencialmente durante os vindeiros cincuenta anos. Cun castigo severo para quen se negue a recuperar a vibración do aire.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Charles Dickens no Café Derby