Quérote, Luz

María Xosé Queizán

FUGAS

Luz Pozo Garza, o verán do 2019 na feria do libro da Coruña
Luz Pozo Garza, o verán do 2019 na feria do libro da Coruña ANGEL MANSO

23 abr 2020 . Actualizado a las 19:45 h.

Quedamos sen Luz. A Garza, pousada con elegancia na súa rocha, iniciou o voo. Así, na escuridade en que nos deixa, lembro a esta gran amiga no triste momento do abandono. A gran e fermosa poeta da nosa lírica acaba de falecer. E o pranto da Galicia confinada escóitase como doloroso laio dunha beira a outra. Falo de Luz Pozo Garza, belísima muller, elegante e amorosa, que enchía o espazo onde estivese cun encanto e unha luz percibida por cantidade de persoas que lamentan a súa perda.

Hai xa tempo que a coñecín e que me foi presentada como poeta. Talvez eu aínda non tiña publicado a miña primeira novela (do 1965). Ela xa era autora de O paxaro na boca, de 1952, obra que inaugura a editorial Xistral en Lugo, creada por Manuel María e Ánxel Joan.

Coincidín con ela, ao longo dos anos, en varios acontecementos culturais, en recitais, ceas e asuntos varios. Era un pracer falar con ela, mentres paseábamos. Simpatizamos sempre e aínda que era moi nova para ser a miña nai, unha vez díxome que lle gustaría. A miña nai morreu hai uns anos, casualmente, cos mesmos anos que tiña Luz agora. Falo dunha poeta culta e universal e así o facían ver non só os seus versos, senón tamén os ensaios que publica sobre a obra poética de escritores como Rosalía de Castro, Luís Pimentel (a quen coñeceu cando se veu obrigada, coa familia, a abandonar as rías altas por Lugo), Cunqueiro ou Luís Seoane. Neste sentido destacaba entre as poetas da súa xeración. Tamén indica o afán de comunicación o ter dirixido, xunto a Tomás Barros, a revista Nordés, na que tiven a honra de participar e publicar algún poema.

A harmonía do seu físico facía parella coa mesura da súa poesía, no que destaca o coñecemento, os códigos empregados e as palabras oportunas, adecuadas. Sen perder por iso o fulgor nin a brillantez. A isto, sen dúbida colaboraron os seus estudos de música e os de filoloxía que a prepararon para a musicalidade dos seus versos, e o coñecemento da literatura universal. Así mesmo para ser docente no Ensino Medio. No IB de Nigrán rematou de impartir aulas e chegou á xubilación.

Nesa época viviu en Vigo con Eduardo Moreiras, o seu gran amor, nunha relación que seguiu sendo medio clandestina, até que, o tamén poeta, enviuvou e puideron casar. Luz demostrou na súa vida, non ter prexuízos, ser moi libre e levar sempre a vida que quixo.

Luz Pozo Garza é unha poeta de amor, unha poeta intimista, si, pero o seu amor non é trasnoitado nin vai pola senda atestada da poesía amorosa convencional.

Concerto de Outono, en 1981, trata o amor, e Códice Calixtino, publicado no 1986 por E. Sotelo Blanco, alude aos encontros clandestinos en Santiago con Eduardo Moreiras. Como non tiñan facilidade de citarse e comunicarse, chegaban a Santiago e recorrían os lugares onde acostumaban verse, e con xiz, deixaban o sinal da súa presenza. Unha relación romántica enchida de momentos perigosos cun accidente coa moto, ou outras dificultades. En Códice Calixtino, segundo a autora me ten contado, hai moitas claves deses conflitivos pero intensos encontros amorosos.

Nas vacacións do verán, acostumaban viaxar á serra de Gredos, unha paisaxe e unha zona que lles gorentaba. Morto Eduardo Moreiras, Luz Pozo Garza dedícalle un último libro, Prometo a flor de loto, publicado en 1992 pola Deputación da Coruña. Desde o belísimo e orixinal título até o conxunto do libro destaca a mesura e o concepto do amor da poeta.

A súa ousadía queda patente cando non dubida en escoller unha das personaxes clásicas máis conflitivas, a Medea de Eurípides. Segue co tema amoroso. Luz Pozo Garza, fai da súa Medea en Corinto, unha muller que por amor a Jason, e por seguilo a Corinto é quen de abandonar a familia, a terra e os campos de seu, e traizoar a súa patria. Dá todo por amor. Pero o argonauta déixaa por Creúsa, a herdeira do trono de Corinto. Abandonada en terra allea, o gran amor convértese en enorme odio e ira, e para vingarse de Jason mata aos propios fillos, que tamén eran del. Só unha poeta audaz pode tratar este tema.

Vemos que esta poeta que engaiolaba a todo o mundo con seu encanto e tenrura, era unha muller valente tanto na vida como nos temas que traballa.

Só tres persoas, da familia íntima, Gonzalo, Luz e Olivia, foron autorizadas para asistir ao cemiterio. O resto, amigas, compañeiros/as, lectoras, viviremos a dor confinadas nos fogares galegos. En enorme silencio abandonas Galicia. Quérote, Luz.

MXQ