Mulleres coma fouces

Diego Ameixeiras

FUGAS

CESAR QUIAN

«Uralita», escrito a catro mans pola actriz Iria Pinheiro e a poeta María Lado, debuxa un mundo ferido pero aínda palpitante que bota a lingua a pacer

13 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Existe un país habitado por avoas cherokee, unha Galicia periurbana que discute a comenencia dalgunhas postais sentimentais, pura cirurxía plástica dun territorio cuxos trazos visibles son máis propios dun western crepuscular cunha Katy Jurado en rebeldía. Un territorio na entreliña, rabudo e aconchegado co volume máximo da vida, que non sempre ten quen o cante sen que pareza que o están acariñando con condescendencia, véxanse algúns programas de televisión especialistas en infantilizar os vellos. Uralita, escrito a catro mans pola actriz Iria Pinheiro e a poeta María Lado, arreponse a esa visión interesada e debuxa un mundo ferido pero aínda palpitante, certeiro no seu deseño poético, con familias que «viven abrigadas debaixo das torres de alta tensión» e anciáns que exhiben «a estaticidade da vellez, calados / onda o lume, agardando / cadansúa morte». Non deixa espazo para o lamento nin se aboca ao fracaso múltiple da melancolía, todo o contrario: bota a lingua pacer con rautos de alegría e suficiencia punk, mallando con gusto en hipsters e urbanitas repugnantes, e enfróntase ás fotografías amables dun país borroso que merece máis comprensión e menos exploradores lánguidos, acantonado dende hai décadas en trincheiras de uralita, quizais á falta de salvadores que xa van tardando demasiado. Pero é, sobre todo, unha declaración de amor ás mulleres «quietas como arañas» que tantas veces son empregadas como atrezo sensible e aparecen aquí convenientemente exaltadas, xustiza que Lado e Pinheiro ditaron nun hotel vigués onde se consumou este fermoso xogo da imaxe ao texto. «As avoas cherokee todo o aproveitan. O lazo rosa que amarraba os pasteis que lle levamos polo aniversario, amarra o saquiño das sementes dos chícharos. Iso une os chícharos coa pastelería do centro comercial. Estados Unidos e o Pindo». O resto pode resumirse na vida que nos regalaron tantas señoras xigantes.