«Cantando en galego polo mundo adiante non te topas con tantos»

FUGAS

cedida

Dos 24 concertos do «Spring Tour» do grupo folk escuro Sangre de Muérdago, que lidera Pablo Ursusson, só tres serán en Galicia: «Se cantásemos en inglés, seríamos outra das mil bandas máis que cantan en inglés»

13 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando Pablo Ursusson marchou a vivir a Leipzig (Alemaña) levou canda el un grande soño e un proxecto musical que comezara a fraguar en Galicia. Mesturaba a música e a instrumentación de raíz celta coas evocacións literarias ao universo máxico das lendas galegas e mesmo á iconografía da nosa mitoloxía. Conseguiu que tres músicos alemáns e unha violinista norteamericana se embarcasen na aventura. E aí están, catro discos despois, percorrendo Europa e Norteamérica e chamando poderosamente a atención dos seguidores da vertente máis escura do folk. Pablo Ursusson prefire falar de «folk de autor» ou forest folk, por aquilo da conexión entre natureza e espírito.

­-A maioría dos músicos que marchan a outros países adoitan asumir os estilos do lugar ao que chegan. No seu caso foi ao revés.

-Si, levoume un tempo pero é certo que, aínda que, dende Alemania, Sangre de Muérdago segue bebendo da tradición galega. Se cadra máis que cando vivía alí.

­-E como o asumen os seus músicos?

-Todos eles son músicos que veñen de distintos ámbitos do folk. E nese mundo a música galega ten moito tirón.

­-Se para calquera grupo que canta en galego xa é difícil saír dende Galicia, como é facelo dende Alemania?

-A min a experiencia demostroume que simplemente hai que crer no que fas e botarse á estrada. Nós, co primeiro disco e sen máis recursos que os propios, lanzámonos a unha xira de cinco semanas por Europa. É o único xeito de que te coñezan e de que despois te vaian chamando.

­-Ten dito que lle resulta máis difícil tocar en Compostela que en San Francisco.

-A día de hoxe non sei, pero hai uns anos seguro que si. De feito, en Estados Unidos xa estivemos en tres xiras mentres que en Santiago só tocamos dúas veces. Facemos un montón de concertos por Europa, por América, por Asia... pero despois escribíalle a alguén de Galicia para actuar alí e non atopaba interese ningún.

­-Por aquilo do profeta e a súa terra?

-Sinceramente, non sei por que nos pasa iso. Profetas en Galicia si que os hai. Pero dáme a impresión de que está todo un pouco institucionalizado e acaparado polos mesmos.

­-Agora lles chega certo recoñecemento pero precisamente polo que acadaron fóra.

-A verdade é que si. Comezamos a espertar certo interese en Galicia polo recoñecemento que estamos tendo no estranxeiro. Agora si que empeza a haber xente en Galicia que xa se pregunta «pero quen carallo son estes que andan por aí cantando en galego e facendo esta música?».

­-Asumiu a cuestión do idioma como unha dificultade engadida?

-Para nada. En primeiro lugar porque é un tema que non me cuestiono. Eu teño que cantar en galego porque é a miña lingua e é o que sinto no meu corazón. Pero ademais é que se cantásemos en inglés seríamos outra banda máis das mil que cantan en inglés. Cantando en galego por aí adiante non te topas con tantos.

­-Musicalmente, onde sitúa as súas principais influencias?

-Nos grupos pioneiros do folk galego dalá polos 70. Milladoiro, Saraiba, Fuxan os Ventos... Pero tamén hai moito de clásica, de barroco e mesmo de psicodelia.

­-De onde nace esa conexión co enxebrismo e con ese mundo máxico, case místico, que asoma nas súas cancións?

-Da niña infancia. Eu medrei nun pobo de Ourense e mamei moito do imaxinario popular, do misticismo, dos bosques, da Santa Compaña... Sempre estiven moi fascinado por esas historias. E sigo fascinado por elas. Nesta xira estou lendo, por terceira vez, Cantares Galegos e uns tomos novos de Valle-Inclán. Revisitar aos clásicos paréceme sempre moi interesante.

­-De súpeto chegan «Juego de Tronos» ou «El señor de los anillos» e todo ese imaxinario clásico tórnase moderno.

-Xa hai tempo que o paganismo se puxo de moda. Hai un renacer do redescubrimento desa cultura. Nós, a verdade é que non estamos intentando meternos nese mundo. Simplemente tratamos de manter a nosa personalidade.

­-Como leva o da morriña?

-Mal. Tenme invadido dende o primeiro día pero, cada vez máis, sinto a necesidade urxente de volver pasar longas tempadas en Galicia. Agora mesmo a miña cabeza anda bastante ocupada niso.

­-E se volve a Galicia, mantería o grupo cos mesmos músicos?

-Gustaríame, claro, porque é con eles con quen estou vivindo este soño.