Os Bolechas xa teñen 20 anos

A popular familia de seis irmáns e un can, creada no ano 2000 polo ilustrador Pepe Carreiro, está de aniversario. Unha edición especial lembra algúns dos seus contos máis celebrados


Vinte anos, 600 títulos e máis de 1.700.000 exemplares distribuídos despois, Os Bolechas non necesitan presentación. Esta gran familia, composta de forma central por seis irmáns máis un can, chegan neste 2020 ás súas dúas primeiras décadas de vida sen fraquear e sen que o seu autor, o ilustrador Pepe Carreiro, perda un chisquiño da prodixiosa inspiración que lle permite idear todo tipo de aventuras a partir de realidades cotiás dos nenos, como a escola, o autobús ou a praia. «Quedan moitas historias por contar. Haberá Os Bolechas ata que se aburran os nenos», ri o autor aclarando que nin o tempo nin o cambio de editorial (tras deixar de publicarse cun primeiro selo e despois de dous anos nos que non se editaron libros novos, desde o 2012 publícanse con Bolanda) fixo perigar esta emblemática colección, un dos maiores éxitos da historia editorial infantil galega.

O escritor e debuxante, que explica que normalmente non senta a pensar as historias, senón que estas xorden ao observar os movementos dos nenos ou a partir de cousas que lle fan graza, insiste en que ninguén ten a fórmula máxica para acadar, coma no seu caso, unha verdadeira lexión de seguidores entre os máis pequenos, cómplices do que len. Defende, iso si, a importancia de manter a mesma ilusión que o primeiro día. «Creo que o ingrediente imprescindible é que o autor estea a gusto co que fai. Se gozas co traballo, o lector vaino percibir. Despois tamén inflúe que sexan historias de textos moi breves e sinxelos, aventuras moi simples e secuenciais que tanto os primeiros lectores coma os nenos que aínda non saben ler poidan seguir visualmente comprendendo a historia», reflexiona Carreiro sobre a súa boa acollida, algo que no inicio, no ano 2000, si lle sorprendeu. «Cando fun aos colexios e vin a resposta dos nenos, foi cando me din conta da repercusión dos títulos», confirma sobre un éxito que no tocante á promoción do galego xoga un papel decisivo. «Ao principio non era tan consciente da responsabilidade que tiñan as historias neste eido, pero ao ver que eran textos aos que accedían moitos nenos, funme preocupando cada vez máis de acadar un galego coidado. Tamén intento introducir nas historias esas palabras que ao mellor non se usan tanto», remarca o vigués, antes de explicar cun sorriso de onde vén o propio nome dos Bolechas. «Aínda que houbo xente que pensou que era polas bolachas, as galletas de Portugal, o certo é que no sur de Galicia ás meixelas ou fazulas chámanselles bolechas», aclara sobre un dos trazos diferenciais dos personaxes, unha parte da cara de cor distinta que se estilizou ou se agrandou segundo a época e que xunto ao pelo é o que denota o paso do tempo.

A idade dos protagonistas segue sendo a mesma dende o comezo e vai dende os sete anos de Carlos, o irmán maior e máis responsable que fai fronte, non sen medo, ás situacións máis comprometidas, ata os nove meses de Tatá, un bebé pouco dado ás cousas propias da súa idade e que xunto a Chispa, o can, é dos personaxes máis queridos polos rapaces. «Os Bolechas xa naceron coa idea de ser unha serie con varios personaxes fixos. O de que foran seis foi algo espontáneo», precisa o autor sobre un número que chama aínda máis a atención nesta Galicia de inverno demográfico. «Sempre o digo. É unha familia extraordinaria, excepcional. Espero que algún día nos dean un premio por familia numerosa», chancea o escritor.

Ao longo dos anos a estes personaxes principais se foron engadindo máis nomes, entre pais, avós, curmáns ou novos cans, ata chegar a dezaseis, unha cifra que aumentará no 2020. «Teño en mente crear algún novo pero aínda non está concretado. Neste momento estou traballando, ademais, en dúas novas historias; unha delas terá lugar nun tobogán», desvela Carreiro sobre unha produción editorial que tamén creceu ata chegar a máis soportes.

Tras o éxito dos libros dos Bolechas (tanto os clásicos de formato cadrado como a primeira biblioteca de 18 tomos ou esas guías nas que os personaxes logran que de forma entretida os nenos interioricen conceptos) a popular familia deu o salto á televisión, primeiro á TVG e logo tanto a varias comunidades autónomas como, dende o 2015, á televisión pública lusa baixo o nome Os Bochechas. En Portugal tamén levan editados máis de 150 títulos. De forma paralela, nestas dúas décadas puxéronse en marcha espectáculos, discos, concertos, concursos ou ata xoias, un universo no que, sen embargo, a esencia seguen a ser os contos.

EDICIÓN ESPECIAL POLOS 2O ANOS

Con motivo do 20.º aniversario a editorial reúne nunha edición especial da colección máis celebrada, a de formato clásico, catro das primeiras historias que saíron do maxín de Carreiro a principios deste século, nas que Os Bolechas xogan ás agachadas, teñen gato, perden o can ou fan un carro. A este título, tamén descargable en formato audiolibro, seguirán ademais novas sorpresas. Queda moito por celebrar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Os Bolechas xa teñen 20 anos