Miguel de Lira: «A gran diferenza é que a peli podo vela»

Cineuropa acolle o domingo a estrea da adaptación cinematográfica da obra teatral de Chévere «Eroski Paraíso», dirixida por Xesús Ron e Jorge Coira, que chegará ás salas o 13 de decembro


Máis de 30.000 espectadores pasaron polos teatros para ver Eroski Paraíso nos tres anos que Chévere a mantivo en cartel. A historia, centrada na peripecias vitais e emocionais dunha parella que se coñeceu na discoteca Paraíso, de Muros, hoxe convertida nun Eroski, e da súa filla, que quere gravar unha película sobre eles, terá unha segunda vida no cine. Co mesmo equipo, ao que se suma Jorge Coira na codirección. Falamos da estrea con Miguel de Lira.

-Por que converter en película «Eroski Paraíso»? Nunca Chévere fixera tal cousa.

-Na xénese do proxecto, Eroski Paraíso era o embrión dunha peli. Pasada pola túrmix de Chévere, converteuse en obra de teatro. Tempo despois, un día, ao saír dunha función, Jorge Coira comentounos que el vía ese espectáculo como unha película. E así, nun impulso final, como para pechar o círculo dun modo natural, decidímonos a facer a peli.

-Podían optar por rodar a peza teatral tal cal ou por convertela nunha narración cinematográfica clásica. Finalmente optaron por un híbrido. Por que esa solución?

-Polo que se optou é por manter o espírito do espectáculo teatral, porque á súa vez xa levaba implícita a capa cinematográfica. Digamos que xa naceu hibridado.

-De feito é un exercicio de metacine, por momentos xógase un pouco con esa confusión do cine dentro do cine.

-Si, gústannos eses xogos coas metalinguaxes. No teatro era coma se se estivese facendo una película, e na peli é coma se se estivese facendo teatro.

-Xa do espectáculo teatral dicían que era unha «comedia documental».

-Eu creo que era máis que iso. Eroski Paraíso ten moitas máis capas que a da comedia. Talvez sexa unha radiografía chea de tenrura documental.

-Tamén dixeron que era o texto con menos mensaxe social de Chévere.

-Menos mensaxe explícita, diría eu. Noutros textos poñemos o bisturí directamente sobre determinados vectores sociais, políticos ou culturais. En Eroski Paraíso pode parecer que non damos tanta caña, pero leva moita carga de profundidade.

-Que foi o que lles resultou máis difícil do proceso de adaptación da obra ao cine?

-A principal dificultade á que nos enfrontabamos era a de ter que entrar na dinámica das convocatorias de axudas. Iso alongaría moito os prazos, e pode que a enerxía e as ganas de facer esta peli quedasen polo camiño. Nós queriamos facela ben e rápido. Aí estivo o reto e o máis meritorio, producila con medios propios e de empresas colaboradoras. Porque a parte artística xa a levabamos moi ben sementada.

-A principal incorporación ao equipo foi Jorge Coira. Que achegou?

-Por unha parte, a coprodución a través da súa produtora Ollo Vivo. Por outra, foi o que con aquel comentario deu o impulso para facer a peli. Así que tiña que estar nela «por alusións, señoría». E no profesional Jorge achégalle a Eroski Paraíso a mirada cinematográfica. Xogar nalgúns momento á pantalla partida, que a cámara asome á trastenda do decorado, mesturar as escenas teatrais con imaxes gravadas en exteriores... Todo iso son claves e técnicas propias do cine que el achegou.

-Non son moitas as ocasións nas que o mesmo actor fai o mesmo personaxe na versión teatral e na cinematográfica, así que perdoe o topicazo: cal lle gusta máis?

-Son coma dúas gotas de auga que se funden, así que respondo cun tópico tamén: non atopo ningunha diferenza. Vendo a peli teño unha sensación moi parecida a cando fago o espectáculo no teatro, só que neste caso eu podo ver a película e no teatro non podo ver a obra. Así que vou escoller a peli, aínda que só sexa polo egoísmo de que eu así tamén podo vela.

-Ábrese unha vía en Chévere como produtora audiovisual?

-Esta foi unha iniciativa puntual para sacar este proxecto adiante, pero non está na vocación de Chévere converterse en produtora de cine.

-E tras o desterro de Teo, agora que?

-Pois estamos procurando a creación dun terceiro modelo, que non sexa nin contar unha residencia fixa, como en Teo, nin a de non ter ningún espazo, como lle pasa hoxe á maioría das compañía galegas.

SANTIAGO AUDITORIO DE GALICIA DOMINGO, 19.00 GRATUÍTO

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Miguel de Lira: «A gran diferenza é que a peli podo vela»