Unha heroína para a ópera galega

FUGAS

Xoán A. Soler

«A amnesia de Clío», composta por Fernando Buíde, reunirá a máis de setenta artistas en escena nas súas representacións este domingo en Santiago e o martes día 12 na Coruña

08 nov 2019 . Actualizado a las 09:32 h.

Bush, despois da súa saída da política, encérrase no seu rancho a pintar. Alí atoparase con Clío, a musa da Historia, para que a retrate. A partir de aí xorde un enfrontamento da musa e o artista no que, finalmente, ela vai ocupar o seu lugar. Unha nova visión da muller na política e na arte que constitúe o fío argumental de A amnesia de Clío, a ópera contemporánea en galego máis ambiciosa do século XXI, xa que reunirá a máis de setenta artistas en escena nas súas representacións este domingo en Santiago (Auditorio de Galicia, entradas xa esgotadas) e o martes 12 na Coruña (Teatro Colón, 20.30 horas). Ademais, poderá escoitarse en versión concerto o día 14 no Auditorio Municipal de Ourense.

 A orixe desta produción, que ofrece unha ollada inesperada sobre a perspectiva patriarcal cunha mestura de realidade histórica e ficción política, hai que buscala hai dous anos. Foi entón cando o compositor compostelán Fernando Buíde deu os primeiros pasos para desenvolver a súa idea. «Vai a por todas», foi o consello que lle deu o director artístico da Real Filharmonía de Galicia, o británico Paul Daniel. E está claro que fixo súa esta premisa. O resultado é un proxecto coral, tanto dende o punto de vista artístico como da produción. A amnesia de Clío conta con texto do dramaturgo Fernando Epelde e con dirección escénica de Marta Pazos. «O resultado final cociñámolo entre os tres», explicou o compositor. Pero se no apartado artístico é un traballo man a man e case de ourivaría de tres creadores galegos, a produción tamén é froito da colaboración. Trátase dunha coprodución da compañía compostelá Voadora, o Consorcio de Santiago-Real Filharmonía de Galicia, a Agadic-Centro Dramático Galego e a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, con achegas tanto de diferentes Administracións como de entidades privadas. «Hai que felicitar á produción por artellar este grupo de apoios», asegurou Jacobo Sutil, director da Agadic, unha das entidades que participa na proposta, así como o CDG, onde realizaron, por exemplo, tarefas de confección.

Bush, Putin e Merkel

Baixo a batuta de Paul Daniel, a Real Filharmonía de Galicia, a soprano Raquel Lojendio -que interpretará o rol feminino principal-, o barítono Sebastià Peris, a mezzosoprano Marina Pardo e o Orfeón Terra A Nosa, que dirixe Miro Moreira, serán os encargados de interpretar esta ambiciosa ópera contemporánea que xira en torno á musa da Historia, Clío, que porta un libro feito por un home. «Por que non escribe ela a historia?», pregunta a directora escénica Marta Pazos. Aí empeza esa distopía en clave feminista. Non só será Bush, senón tamén Merkel ou Putin, entre outros, os que transitar por esta historia ficticia pero «baseada en personaxes reais da alta política». Así, lembra cando Putin, no primeiro encontro con Merkel, introduciu no despacho un labrador negro ao saber que ela lle tiña medo aos cans. «Todo o libreto está trufado de situacións deste tipo, de mulleres que ocupan un lugar que historicamente non lle pertencería. Trátase de habitar ese espazo», asegura a directora escénica, que fai fincapé en que A amnesia de Clío recolle un «cambio de rol, unha recontextualización da sociedade a través da cultura, a través da ocupación da musa do lugar do artista. Que pasaría se retirasen todos os libros nos que a princesa ou as Carapuchiñas son salvadas por leñadores?».

Para trasladar o cambio de paradigma que supón a entrada da muller tanto na alta política como no mundo da arte, a posta en escena preséntase como un díptico, case coma un cadro. A historia desta ópera articulada en tres actos discorre en dous lugares simultaneamente, un despacho e un espazo de arte que se vai transformando no Museo do Prado, no estudo de pintura de Bush en Texas, nunha sala de poxas de arte de Nova York... «Tamén se pretende poñer ao público nun lugar de voyeur, de observar o privado nos espazos públicos. Que pasa no despacho oval ou no Museo do Prado cando están pechados?», afirma Marta Pazos, que resalta que o libreto «é moi inquietante, moi vertixinoso, coma unha película de acción e intriga política». Nese mesmo sentido incide a soprano Raquel Lojendio, que cualificou o espectáculo de entretido e visualmente moi potente. «Clío es el resultado de muchas mujeres», afirma.

Para o compositor Fernando Buíde, que lle propuxo a Epelde que a peza xirara verbo dunha heroína, A amnesia de Clío é «un soño cumprido» que pouco se podía imaxinar cando hai 30 anos asistiu á súa primeira ópera. Trátase do seu proxecto máis grande, no que ademais fará baixar por primeira vez a Paul Daniel e á Filharmonía ao foso do Auditorio. O seu obxectivo foi acompañar con música o libreto e ofrecer ese mundo a cabalo entre a realidade e a distopía: «O reto é transmitir unha unidade narrativa musical».