Greg xa é un chaíñas total

Chega por primeira vez ao galego o primeiro tomo deste fenómeno infantil, o diario dun antiheroe actual e divertido alérxico aos deberes


Para todos os lectores que tivesen entre 9 e 12 anos nos últimos tempos, Greg non necesita presentación. Este adolescente miúdo e corrente, de descomunal preguiza, adicto á consola (coa que gasta diñeiro nunha mascota virtual), pícaro, contrario a que lle impoñan deberes e responsabilidades e non moi popular -tampouco coas rapazas-, converteuse xa hai anos nun dos personaxes literarios de maior éxito de todos os tempos. Os seus seguidores cóntanse por millóns (a saga leva vendidos coas súas trece primeiras entregas máis de 200 millóns de exemplares, dos que 4.700.000 foron en España) e as desventuras deste hilarante estudante, nas que non hai ensinanzas senón unha comprensión da realidade coa que se identifican e rin os pequenos e axuda aos adultos a lembrarlles a súa infancia, xa foron traducidas a 62 idiomas, entre eles, e como novidade, ao galego, unha aposta que como recoñecen dende RBA terá continuidade.

O selo recuperou este setembro na nosa lingua o primeiro tomo da saga, publicado en castelán no ano 2008 baixo o título Diario de Greg 1. Un pringao total, unha aclaración que en galego se reforza con Un chaíñas total. Unha entrega (traducida ao galego por Eva Almazán García) na que o entrañable protagonista xa aclara de inicio que a redacción do diario (ou, como el di, das súas memorias) veu imposta pola súa inxenua nai, quen cre que coa escrita o rapaz poderá afrontar mellor os seus problemas. Unha tarefa que, non obstante, recoñece que lle será práctica de aí a uns anos, «cando sexa rico e famoso», e que sobre todo lle serve na actualidade para plasmar nela a súa batalla por facerse un oco na secundaria, nun instituto no que convive cun todo tipo de personaxes como matóns ou ese «fato de pailáns» entre os que se ve atrapado, como se queixa nunha das escenas máis icónicas da serie.

O autor, o estadounidense Jeff Kinney, que xa no 2009 fora elixido pola revista Time entre as 100 persoas máis influentes do mundo, recrea con moita agudeza e ironía as desventuras e constantes enredos do mozo, xa sexa nas aulas ou fóra delas, nunha exitosa combinación de texto informal e xuvenil e viñetas cómicas, presentadas en branco e negro, que atrapa aos lectores, ata a eses máis reticentes ou acostumados ao mundo dixital. Unha lectura complementaria, de ritmo áxil, léxico fresco e inesgotable diversión, que avanza entre sucesivas preguntas, reflexións, bromas ou escusas.

Co discorrer dos días, e das páxinas dos diarios, o escritor logra que os mozos empaticen tamén co resto de personaxes infantís, tratados sempre dende unha mirada comprensiva e dende o prisma do humor. Greg, segundo de tres irmáns, sente envexa das atencións que recibe o pequeno, o mimado da casa, ese aos que os seus pais, a pesar de pintar «cun rotu» un autorretrato na porta do seu cuarto, soamente lle din «que riquiño!». Tamén mantén unha loita co maior, cuxos plans superan en malicia e enxeño aos do protagonista. Entre os seus escasos amigos destaca Rowley, un rapaz cándido e incansablemente feliz ao que lle gusta ser neno e non ten présa por crecer, unhas características que o sitúan coma un dos personaxes máis apoiados e queridos polo público e, incluso, polo propio Kinney, quen se animou a renovar con el a saga.

A próxima entrega, tamén en galego

A través de trece tomos, publicados ata este ano só en castelán, este antiheroe infantil foise convertendo pouco a pouco nun éxito mundial que conecta con rapaces de culturas moi diversas e que, incluso, axudou a impulsar un subxénero literario cunha colección de diarios que inundan o mercado.

A festa de San Valentín, as vacacións estivais ou unha gran nevada que converte o seu barrio nun campo de batalla, así como os cambios propios da idade (a pesar de que Greg se mantén invariable nos seus doce anos), son algunhas das escusas narrativas que serven para rir con cada unha das entregas, convertidas tamén nunha lúcida crítica ao mundo adulto.

En maio, Jeff Kinney decidiuse ademais a dar voz en ¡Un chico superguay! a Rowley, quen ascende a protagonista cunhas memorias propias, un caderno que, no entanto, e tras a intercesión de Greg, terminará convertido nunha biografía do seu amigo. Un novo desafío literario, tamén de boa acollida, que serviu ao autor para ampliar aínda máis o fenómeno.

Será o 6 de novembro cando a serie principal dea un novo paso adiante coa publicación do agardado decimocuarto tomo, un libro no que a familia de Greg recibe unha herdanza inesperada coa que reforma a súa casa, unha obra que deriva en simpáticas peripecias que os nenos, como sucederá a partir de agora, tamén poderán gozar en galego. O vindeiro título xa convida: Toma desfeita.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Greg xa é un chaíñas total