Abordaxe sistemática e completa

Ramón Nicolás escribe sobre o cuarto volume da «Historia da Literatura Galega», de Xosé Ramón Pena


O ambicioso proxecto que o profesor Xosé Ramón Pena ideou consistente en analizar o noso pasado literario chegou, hai escasas semanas, á súa cuarta entrega co libro que hoxe ocupa estas liñas. Tras tres volumes que abranguen o período que vai desde as orixes da nosa literatura ata a época das Irmandades da Fala, ofrécese agora unha análise pormenorizada, equilibrada, sistemática e completa do que aconteceu no campo literario galego no complexo período que vai desde o ano 1936 ata 1975. O deseño desta obra magna, con escasos precedentes na historiografía literaria galega, completarase cun vindeiro volume xa en preparación que abordará aquilo que se deu na literatura galega desde a chamada «Transición» ata a actualidade.

O autor segue a exhibir aquí as ferramentas que caracterizan unha obra de referencia para todas as persoas interesadas en saber máis, e saber ben, respecto do noso patrimonio literario, neste caso aquel que atravesa boa parte do século XX: documentación exhaustiva e contrastada que se acompaña dun profuso aparato crítico; acaída contextualización histórica e socio-política, con especial atención aos determinantes marcos lingüísticos da época, e un denso e razoado labor de interpretación e valoración.

Con este libro asomámonos, así, a ese corpus literario composto pola obra de verdadeiros clásicos da nosa literatura -Blanco Amor, Novoneyra, Manuel María, Xosé Neira Vilas, Xohana Torres, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole ou o propio Carvalho Calero, por só citar algúns- sen esquecer ao mesmo tempo os precisos datos de carácter biográfico nin tampouco todo aquilo que ten que ver co contexto que acompaña a recepción dos seus traballos. Coñecer a nosa tradición, manexar as claves que explican o herdo literario que nos precedeu, é unha obriga, en moitos casos profesional e formativa; facelo cun traballo rigoroso coma este resulta un verdadeiro pracer.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Abordaxe sistemática e completa