Quen matou a Xiana Alén?

Diego Ameixeiras

FUGAS

ANGEL MANSO

Diego Ameixeiras escribe sobre «Beleza vermella», de Arantza Portabales 

14 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ese é o enigma que atravesa as páxinas desta historia. A rapaza morta, unha adolescente de quince anos, aparece rodeada na súa casa por un macabro decorado (a escena do crime, con aparentes pretensións artísticas, inclúe profusión de sangue) e temos seis sospeitosos para xogar. Efectivamente, estamos ante unha revisión das intrigas de cuarto pechado -subxénero que inaugurou Gaston Leroux con O misterio do cuarto amarelo (1907)-, a partir dun interrogante debedor dese molde narrativo que máis tarde perfeccionou Agatha Christie, á que Arantza Portabales decidiu render un pequeno tributo. O salón vitoriano, desembocadura frecuente destes enigmas, convértese aquí na vivenda dunha selecta urbanización da contorna de Santiago, onde se sitúan os personaxes relacionados co suceso. E os fillos de Hércules Poirot, Abad e Barroso, son unha parella de policías desconcertados pola estilización do crime, cuxo barroquismo parece tirado dun giallo dos anos 70.

Mentres nos achegamos á resolución do misterio, Beleza vermella detense na descrición de ambientes e tipos psicolóxicos acomodados, esa Compostela de periferia burguesa onde se agochan traumas e frustracións a esgalla baixo as alfombras. O procedemento policial, sen pretender ser exhaustivo, segue unha progresión dramática que explosiona na reunión con todos os sospeitosos (outra homenaxe máis da autora ás convencións do whodunit), pero a novela esténdese con máis seguridade no retrato de costumes, na exploración emocional dos protagonistas e na puntualización deses contornos sociais de aparencia hixiénica e respectable, pero xenerosos en dobreces. En consecuencia, a trama colle distancia coa intriga para ramificarse sen complexos polas paixóns humanas ata convocarnos para a resolución do asasinato. É así como acabamos coñecendo as motivacións e os tormentos duns personaxes aos que a vida lles regalou unha aparente comodidade.