O amor verdadeiro

Antía Yáñez

FUGAS

XXX

Antía Yáñez, autora de «Senlleiras», reflexiona sobre o amor e as formas de maltrato. Como dicirlle algo ao amor verdadeiro cando perde os nervios?

12 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Coido que a primeira vez que souben da violencia de xénero foi no instituto. Unha mañá, unha das paredes do centro apareceu cun cartel do 016 no que unha muller me miraba cun negrón nun ollo. Pegar está mal, semellaba que dicía. Nunca ninguén me falara do machismo, nin dos roles de xénero, nin moito menos do feminismo. Todo iso veu despois, e porque eu me preocupei de que así fose.

Pola contra, naquela época andaba a outras cousas. Aprobar o curso, saír de festa, queixarme de todo. E o primeiro amor, por suposto. E con el, a dúbida: era amor verdadeiro?

Loxicamente, este tipo de cuestións non son as que unha adolescente ten gana de falar cunha persoa adulta. Nacín no 91, millennial de pura raza, polo que tiña espellos de sobra ao redor nos que me mirar: películas, libros, series, cancións, un incipiente YouTube...

E, aínda que andaba a buscar respostas, batín coas preguntas. Como non deixarlle ver o móbil ao noso amor verdadeiro se non poden existir segredos entre nós? Sabe todos os contrasinais, por suposto. Non temos nada que esconder. Hai que compartilo todo, e todo é todo.

Como non imos preferir estar co noso amor verdadeiro, o home destinado a complementarnos, antes ca ir coas amizades? Co amor verdadeiro non podemos aburrirnos nunca, non podemos non querer a súa compaña xamais. É a nosa outra metade.

Como dicirlle ao amor verdadeiro que non cambiaremos a saia por unha máis longa, a camiseta por outra con menos escote, a maquillaxe por unha cara lavada. Xa non necesitamos ligar, témolo a el. Que nos custa? E o peor, que pretendemos?

Como negarnos a ter sexo co amor verdadeiro? Se o amamos, temos que derreternos cada vez que nos toca, tremer cada vez que nos roza, perder a razón cada vez que nos bica.

Como vai pasar pola nosa mente, aínda que sexa durante unha milésima de segundo, calquera dúbida con respecto ao amor verdadeiro? Se dubidamos, non é amor. Se dubidamos, non é verdadeiro.

Como imos discutir de gravidade, estando feitos o un para a outra? O amor verdadeiro todo o pode.

Como dicirlle nada ao amor verdadeiro cando perde os nervios e nos berra? Cando perde os nervios e nos insulta? Cando perde os nervios e nos levanta a man, pero non nos toca? Cando perde os nervios e nos empurra, sen facernos dano?

Como vai ser iso violencia de xénero se non temos un ollo negro coma a do cartel do 016?

Agora, observo con abraio a quen se sorprende polas enquisas que din que as novas xeracións veñen máis machistas ca antes. Este tipo de agresións multiplicáronse nos últimos anos entre a adolescencia. Como é posible?, preguntaranse. Preguntábame eu tamén. Ata que lembrei a miña primeira vez, esa muller do ollo negro. Pegar está mal. Iso témolo claro. Pero, e o resto?