O ADN galego toma a escena

FUGAS

PACO RODRÍGUEZ

O Centro Dramático Galego reflexiona sobre a identidade a través da palabra e o corpo na súa produción «Neorretranca e posmorriña»

12 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Posmodernidade, posverdade e agora tamén neorretranca e posmorriña. Estas dúas últimas palabras incorporáronse á definición da identidade galega co espectáculo que acaba de estrear o Centro Dramático Galego (CDG). Unha disección escénica do ADN propio que foxe de tópicos para mostralo en toda a súa diversidade, porque «hai quen se identifica coa gaita e hai quen o fai co CGAC, e todo é identidade galega», afirma a directora da montaxe, Gena Baamonde.

Neorretranca e posmorriña ofrece un dobre relato, un a partir do corpo e outro da palabra, pero ambos cargados de ironía, retranca e moito sentido do humor para «non deixar títere con cabeza» a base de irreverencia. Unha mirada aceda que toma como punto de partida os textos de Esther F. Carrodeguas e de Roi Vidal Ponte, nos que ofrecen a súa diagnose sobre que significa ser galego hoxe en día.

A primeira acepción da identidade galega parte de Fantasía n.º 5 en sol ou non, que Esther F. Carrodeguas articulou en forma de catálogo de libros: Sempre en Galiza, O porco de pé, A esmorga, Os Eidos, Longa noite de pedra... En cada un destes capítulos, a autora deixa á directora todo aberto para cubrir os ocos co traballo escénico. «É coma unha partitura case musical», explica Gena Baamonde, apuntando que a selección deste texto responde a «unha aposta forte porque a palabra saíra do corpo», intentando reflectir o carácter multidisciplinario presente nas dramaturxias contemporáneas. Trátase dun traballo, dixo Carrodeguas, que nunca pensou que ía chegar a representarse.

Despois desa primeira parte na que a danza se alza como gran protagonista sobre o escenario, chegará Boisaca ou a divina desgraza, que si conta cun fío argumental, personaxes -moi caricaturizados- e unha narrativa máis lineal. O texto «máis persoal e sincero» de Roi Vidal Ponte é unha homenaxe a seu pai, Roberto Vidal Bolaño, e ao teatro galego. O propio autor aparece como protagonista, aínda que en escena estará encarnado nunha muller. No seu devir para configurar a identidade galega, con Santiago como escenario central, recolle figuras emblemáticas como Castelao, Isaac Díaz Pardo ou Rosalía de Castro, entre outros, ademais de Mary Shelley, a autora de Frankenstein. «A selección destes dous textos para representar obedece a que quería que fosen linguaxes moi diferentes», di Baamonde. Unha montaxe con dúas pezas independentes e distintas desde o punto de vista estético e da súa forma de entender a dramaturxia, que tamén pretende deixar patente «a boa saúde do teatro galego coa diversidade que hai».

Dez actrices no elenco

Ademais do xiro que supón esta nova produción respecto a anteriores propostas do CDG en canto a contar con autores contemporáneos galegos para os textos, constituirá a primeira vez que o elenco é integramente feminino. Está conformado por Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde, que amosan a súa gran versatilidade sobre as táboas.

Neorretranca e posmorriña poderá verse ata o 5 de maio de xoves a domingo no Salón Teatro de Santiago. Posteriormente, emprenderá unha xira por Galicia. Xa está pechada a súa presenza en Tui, Pontevedra, A Coruña, O Barco de Valdeorras, Rianxo e Vigo ata o 5 de xullo.