O Hayao, Agustín e un señor de Providence

Antonio Manuel Fraga FIRMA INVITADA

FUGAS

Canicoba

O autor de «Querido H.P. Lovecraft» reivindica a Agustín Fernández Paz

15 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Un día déuseme por escribir unha novela chamada Querido H. P. Lovecraft. Non era este título unha declaración de intencións, xa que non son un seareiro apaixonado do vate de Providence. Con todo, é innegábel que este señor -racista, puritano, misóxino- engadiu ao terror novas marcas de xénero que despois se repetiron, unha e outra vez, na literatura, no cinema, na banda deseñada, nos videoxogos...

Teño un amigo que afirma sen pudor que a mellor novela de Lovecraft escribiuna Stephen King. Eu, con menos pudor aínda, reivindico a Agustín Fernández Paz como un grande alambique do imaxinario lovecraftiano, que destilou marabillosamente en Aire Negro, Cartas de Inverno ou A neve interminable. Así, nestas obras aparecen teimas claramente lovecraftianas, como a difusión da fronteira entre a loucura e a realidade, as alteracións á lei natural ou a imposibilidade de fuxir do propio destino, adoito tráxico.

Porén, estas concordancias no temático non se repiten no estético. Se a prosa de Howard Phillips era crecha e arrevesada coma a la dunha ovella de Rhode Island, a de Agustín era a melena dun elfo de Lothlorien: fina e suave. Non en van dicía o de Vilalba que os textos había que peitealos con paciencia, unha e outra vez, até lles desfacer todos os nós.