Estes son os autores galegos que máis venden

FUGAS

Ledicia Costas, Manuel Rivas, Domingo Villar, Inma López Silva, Yolanda Castaño e Héctor Cajaraville tocan o ceo do éxito en Galicia

24 oct 2019 . Actualizado a las 18:32 h.

Os datos encerran historias. Este é un que fala do que somos. Un número moi baixo que pide o contexto que son quen de dar as letras. Só o 4?% dos lectores escollen ler en galego, segundo o último barómetro sobre hábitos lectores, unha realidade que pode levar á tristura, e tamén á autocrítica. Podemos facer unha pausa arredor do papel da literatura na vida, da relación do pracer coa lectura, despexar as sombras máis escuras e prender a luz sobre Galicia e o seu estar no mundo sen apartar os ollos do escaparate de favoritos. Neste andel en Fugas xuntamos os escritores que durante os últimos meses e a día de hoxe teñen o favor, e mesmo a ansia e o corazón, do público. Non logramos atopar un ránking oficial dos títulos máis vendidos no 2018 ou a data de hoxe, pero da consulta cun abano de libreiros e editores concluímos que o top dos favoritos en Galicia encabézano: Ledicia Costas, Nacho Carretero, Manuel Rivas, Anaír Rodríguez, Antía Yáñez e Héctor Cajaraville, aos que se suman os fenónemos de Inma López e Yolanda Castaño, con obras editadas a finais de ano, que están vivindo agora o boom, e o long seller Domingo Villar (dos máis vendidos ao longo dos últimos doce anos co seu inspector Leo Caldas, 40.000 exemplares desde o 2006).

MARCOS MÍGUEZ

Non sempre o éxito é irmán do talento, pero o lector é soberano. Que vende máis? Galicia está a ler sobre todo novela negra, crónica á galega, ensaio (en especial, feminista) retranca (O Bichero, de Luis Davila, bate marcas) e literatura infantil, con Ledicia Costas como a raíña do xénero e Cajaraville triunfando entre os pequenos con Kusuma, a historia dun faisán femia que chega a Galicia para «engaiolarnos» dende a remota selva de Kaltim. Os galegos están seguindo esta viaxe, que acadou o Premio Merlín, dunha nai que voa a Galicia en busca de futuro para os pequechos que espera. «Kusuma é o libro do xénero infantil que máis estamos vendendo neste momento», achegan a Fugas dende Santos Ochoa, da Coruña.

ManuelGVicente

Se preguntamos a Celia Torres, de Xerais, sobre os máis vendidos do selo o pasado 2018, brilla a autora de Escarlatina, a cociñeira defunta e A señorita Bubble (5.000 exemplares). Deixemos que a literatura se volva naturalmente muller. «Ledicia Costas é, sen dúbida, a escritora (inclúo escritores) que máis vende en Galicia. A súa obra está creando furor entre os máis pequenos; só hai que ver as inmensas colas nas sinaturas de libros e a maneira en que a acollen nos centros de ensino», afirma a editora, que cita A señorita Bubble, As peripecias de Extravaganzza Pérez e o recentemente editado A balada dos unicornios entre os títulos da autora que máis miradas atrapan e conseguen reter en Galicia. O catálogo de lecturas escolares sempre inflúe no volume de vendas. Ledicia Costas, premio nacional de literatura infantil e xuvenil, ten o favor do público, dos mestres e dos libreiros. Será polo gusto co que toca o tema da morte, o enxeño e o sabor das súas letras. Probaron algunha receita de Escarlatina?

Oscar Vazquez

Senlleiras, de Antía Yáñez, é un dos best seller deste momento (uns 2.000 exemplares vendidos), «xunto á colección Feminismos de Galaxia. Moita xente vén polo Chámame señora, pero trátame coma a un señor, de Inma López Silva», achegan desde a Librería Lume, da Coruña. Por estes tiros van as vendas en Cronopios, en Santiago e Pontevedra. «Chámame señora... está funcionando moi ben. Levouno moita xente polo Nadal. Toda a colección feminista de Galaxia véndese», reforza Mercedes Corbillón, de Cronopios. «Chámame señora... vai pola segunda edición en pouco menos de dous meses», informan dende Galaxia.

PACO RODRÍGUEZ

 O ensaio en primeira persoa de López Silva sobre a experiencia en carne propia da necidade do machismo da cultura provoca calquera cousa salvo indiferenza. Apaixonante.

A novela negra de Diego Ameixeiras, A crueldade de abril, é, segundo apuntan dende Cronopios, unha das novelas negras favoritas da última tempada, negra-negra. «Nalgún recanto da cidade, ao lonxe, soou a sirena dun coche de policía», ambienta Ameixeiras nunha obra altamente literaria que pendura o suspense sobre o abismo da condición humana e que concilia o gusto de público e da crítica. Fariña, de Nacho Carretero, e Os nenos da varíola, de María Solar, son con Vivir sen permiso (tres relatos sobre o poder e a liberdade da man de Manuel Rivas, con punch televisivo) dos máis vendidos no 2018 na editorial Xerais, que suma aos seus títulos con máis tirón as Pioneiras de Anaír Rodríguez (xa a punto o segundo volume!); Kusuma, de Héctor Cajaraville; O que sei do silencio, de Andrea Maceiras; Muriel, de María Canosa; Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz; Sen piedade, de Pedro Feijoo; ou Fóra de si, de Suso de Toro.

As Senlleiras de Antía Yáñez son unha das novelas no cumio das vendas en Lugo, achegan os libreiros de Trama, que acolle un club de lectura mensual. O mes pasado, o libro escollido polo este club foi, precisamente, Senlleiras, «e gañou por unanimidade!», comenta Carlos Coira, de Trama. «É unha das novelas que máis estamos vendendo», di o libreiro sobre esta obra, que gañou o Premio Illa Nova de Narrativa 2018 e enlaza este tempo que vive entre pantallas e wasaps cun pasado de fermosa envoltura pero que nunca foi mellor para a muller. Esta é a historia dun crime, dunha influencer que é atopada morta unha semana despois de compartir nas redes sociais unha foto inquietante. A partir deste fío técense as vidas de mulleres Senlleiras. Para coñecer.

En Lugo «arrasa con todo o que publica» tamén Ledicia Costas, apunta o libreiro de Trama, que inclúe na clasificación dos favoritos do público Os nenos da varíola, de María Solar; Memorias dunha vaca marela, de Alfonso Eiré; o poemario de Lois Pérez Long Play; e os libros de Domingo Villar. O autor de Ollos de auga é un «caso», e a súa unha serie novelesca á parte. O escritor firma un dos regresos fortes do ano. O 6 de marzo chegará ás librarías a nova entrega de Leo Caldas, na que o inspector que viu os seus casos traducidos a máis de 15 idiomas investiga desta vez a desaparición de Mónica Andrade. Volveremos vernos en Vigo.

Anxo Cabada

DEBUTS PARA SEGUIR LENDO

Hai historias que non leva o vento nin son papel mollado. O top ten da editorial Galaxia, no último ano, ocupárono: 1. Anagnórise (María Victoria Moreno, no seu ano), 2. Os nenos da varíola (María Solar), 3. Chamádeme Simbad (Francisco Castro), 4. Leonardo e os fontaneiros (M. Victoria Moreno), 5. Memorias dun neno labrego (Xosé Neira Vilas), 6. Senlleiras (Antía Yáñez), 7. O misterio de Portomarín (Antía Yáñez), 8. O Principiño, 9. Made in Galiza (Séchu Sende), 10. Ollos de auga (Domingo Villar). «Son na súa maioría long seller, é dicir, libros que se venden bastante ao longo do tempo, máis ca fenómenos puntuais», matiza Ismael Ramos dende o selo editorial.

Cada cidade ten os seus propios favoritos. En Santiago o thriller que vén de dar a badalada capital foi Campus morte, o debut literario de Lito Vila Baleato, que nos pon na pel de Iago Miranda, un profesor compostelán en Alemaña que recibe unha inquietante mensaxe dun amigo da infancia que indaga sobre a morte dunha estudante Erasmus 15 anos atrás. «En Cronopios de Santiago está funcionando moi ben», achega a libreira Mercedes Corbillón.

Outro dos debuts sobresaíntes do momento é o da ourensá Anna Figueiredo, din os libreiros. Falamos da autora de Os bicos feridos, premio Viadutos de Novela, unha obra que nos somerxe na historia de Olivia, que marcha de Compostela a Londres como au pair para comezar a gañar a vida, e para descubrir que non é como lle contaron.

Unha pausa. Está en todas partes, ás veces sen que un repare nela. Sempre haberá poetas, sempre poesía. Non é un xénero rei en vendas, pero hai títulos que viven un «chegar e encher» en librarías. «Todo isto antes era noite, de Lucía Aldao, estase vendendo moi ben», achegan desde Lume. «Sáese de todo, agás da beleza», descobre Aldao nun poemario que vai pola segunda edición, cada unha de 600 exemplares, achega Dores Tembrás, editora de Apiario. «Aos vinte días de sacar a primeira encargouse a segunda».

MARCOS MÍGUEZ

O puño e a letra, de Yolanda Castaño, saíu en outubro «cunha tirada de 1.300 exemplares e nestes momentos témolo esgotado en almacén. Claramente, está sendo un éxito!», di Celia Torres. É a primeira aposta galega polo cómic poético; a nova aventura literaria da poeta Yolanda Castaño da man de artistas como Norberto Fernández, Alberto Taracido, Cristian F. Caruncho, Jano ou Xulia Pisón. 

Que nos veñan con contos (e poemas, ensaios, cómics, novelas...) e que non estean rifados os números
e as letras.