Chévere pecha o hipermercado

Adeus a «Eroski Paraíso», o espectáculo máis visto da compañía


Ben certo é que ninguén en Chévere agardaba alá pola primavera do 2016 que Eroski Paraíso lles deparara semellante cúmulo de satisfaccións. Nin seguramente que tivese tan longo percorrido ata o punto de congregar a máis de 30.000 espectadores e converterse no espectáculo máis visto da compañía, superando a aquel mítico Río Bravo.

Pero, como cantaban os Módulos, «todo tiene su fin» e chegou a hora de baixar a rexa e pechar este hipermercado dos soños, tamén dos truncados, no que durante tres anos se converteu Eroski Paraíso.

Será o vindeiro venres 25. E como non podía ser doutro xeito, no mesmo lugar no que todo comezou, no escenario da sede da compañía, na Ramallosa, en Teo. Pero antes restan dúas funcións de despedida, esta fin de semana, unha en Vigo e outra en Pontevedra.

Sinalaba hai uns días neste mesmo xornal o director da montaxe, Xesús Ron, que «Eroski Paraíso quedará como un dos fitos para nós e para o teatro galego». Ben certo é. Acadar as 120 funcións, moitas delas alén das fronteiras da nosa comunidade, é algo, por desgraza, absolutamente infrecuente para o teatro galego.

Pero aínda que Eroski Paraíso desapareza dentro dos escenarios no prazo dunha semana o seu percorrido non morrerá aí. Xa está en fase de montaxe a adaptación cinematográfica que desta historia realizou o cineasta Jorge Coira. Iso si, Eroski Paraíso: o filme non será unha mera filmación da obra de teatro. O traballo de Coira, explican dende a compañía, pretende «unha nova lectura do espectáculo teatral de Chévere mediante a súa tradución ao medio cinematográfico».

VENRES, 20.30. VIGO. TEATRO AFUNDACIÓN. DESDE 7,90 EUROS

SÁBADO, 20.30. PONTEVEDRA. SEDE AFUNDACIÓN. DESDE 12,60 EUROS

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Chévere pecha o hipermercado