Tras o seu paso polos festivais de San Sebastián e Locarno, chega mañá ás salas de cine «Trote», o debut na longametraxe do galardoado director Xacio Baño. María Vázquez interpreta a unha muller que trata de fuxir da severa opresión da aldea
14 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Cantas actrices pode haber dentro dunha actriz? En Trote Xacio Baño revela a unha María Vázquez nunca antes imaxinada. Contida e absorta no seu tormento cotián. Carme, o seu personaxe, vive nunha aldea das montañas do interior de Galicia xunto ao seu pai e a súa nai enferma. Traballa nunha panadería e o seu desexo é escapar dese ambiente pechado e opresivo, pero as circunstancias sempre lle impediron dar o paso. Trotar. Fuxir. A morte repentina da súa nai abre feridas pero tamén o paso á liberación.
-Como foi a experiencia de rodar «Trote»?
-Para min foi un reto profesional moi grande porque Carme é un personaxe moi diferente a min. É todo contención e eu son moi expresiva, case hiperactiva. E aquí tiña que ter o ritmo que ten a xente na aldea, que é tamén o ritmo que ten a película.
-Lembra a sensación que tivo cando rematou de ler o guión?
-Foi de afogo. De que dureza, que cru é todo. Pero interesábame moitísimo.
-E a sensación que tivo cando viu por primeira vez a película?
-Foi moi parecida. Tiña ganas de berrar, de soltalo todo... Que dura é esta xente que contén, contén e contén.
-En «Trote» os silencios son tan importantes como os diálogos. Como se enfronta unha actriz a unha situación así, na que ten que transmitir todo aquilo que non se di explicitamente?
-Para min era dobremente difícil, porque é un personaxe que non transmite as súas emocións e que apenas fala. O meu medo era que quedase fría, que non se notase que si que lle están pasando cousas por dentro aínda que non as exprese ou verbalice.
-É dende logo unha película moi sensorial, que non só estimula a vista.
-Os sons teñen moitísima importancia. E as texturas. Era algo que lle interesaba moito a Xacio. E é importante ver a película así. Deixar un pouco de lado a cabeza e a razón e abrirse a sentir. Se entras aí desfrútala moito. É unha peli que entra pola pel.
-En toda a película non hai unha soa manifestación de agarimo.
-Non, e iso paréceme durísimo. Pero é tan real. Pasa tantas veces nas familias. Por que non nos dicimos o que realmente sentimos se iso ía sandarnos moito? Pero son modelos de relación establecidos dende hai moito e é moi difícil cambialos.
-O propio Xacio Baño di de «Trote» que é «áspera», que «non se deixa aloumiñar».
-É verdade. Porque os seus personaxes tampouco se deixan. Pero Xacio é moi valente porque está contando a historia dun tipo de persoas que non poden ser doutro xeito. Podería telos edulcorado para ser máis comercial pero estaría sendo deshonesto con este tipo de personaxes. Que realmente son así, que non lles sae, que teñen incapacidade emocional.
-Pero que aínda así teñen orgullo de ser o que son. Iso tamén queda reflectido na película.
-Si, eu creo que ten que ver con esa cousa animal, que é a metáfora que sobrevoa toda a peli. Son personaxes moi terreais, moi en contacto coa terra.
-É «Trote» unha película feminista?
-Dende logo achega unha reflexión de como se trata as mulleres, de como son elas as que coidan e as que cargan cuns deberes que non lles teñen por que corresponder. Feminista? Pois non o sei. É unha peli que ten unha sensibilidade especial e que conta cousas desas mulleres das que nada se soe contar.
-Carme vai cumprir 40 anos. Nunca é tarde para fuxir?
-Non, claro que non. Nin aos 60 nin aos 70. Cando un sente esa necesidade hai que facelo, sexa a idade que sexa. Outra cousa é que despois se consiga. Como lle di o seu mozo a Carme: «Xa marchaches e xa volviches». É moi difícil saír desas lealdades familiares que temos, ás veces tan insás.
-Como levou o de pasar desa contención e dese ritmo pausado de «Trote» ao de «Fariña» ou «Vivir sin permiso», onde suceden cinco cousas por minuto?
-A tele é estresante, pero asúmoo como outro tipo de reto. O importante son as historias que contes, non o medio. Pero si, é moi duro e moi esixente. E tes menos opcións de poñerte no papel de actor creador. Cando fas unha peli como Trote ou estás no teatro, ti es parte desa creación. Hai tempos para ir construíndo. Na tele iso é imposible. Na tele o que che piden é que sexas moi rápida. Pero tamén é unha escola.