Todo ten sentido 25 anos despois

TEXTO: CARLOS CRESPO

FUGAS

cedida

Tras un cuarto de século e co mesmo equipo artístico, baixo a dirección de Cándido Pazó, volve a escena «Commedia», que marcou unha época no teatro galego

07 sep 2018 . Actualizado a las 12:06 h.

Un sistema teatral non se pode considerar maduro mentres non teña media ducia de éxitos que revisitar e perspectiva temporal para valoralos. «E o único xeito de que as novas xeracións poidan vivir, e as non tan novas revivir, aqueles vellos acertos é levándoos de novo ás táboas», xustifica Cándido Pazó -por se fose preciso, que non é o caso- a posta en escena, 25 anos despois, de Commedia.

Unha posta en escena que respecta en todo o que foi posible a montaxe orixinal. A dramaturxia e a dirección corren de novo por conta de Cándido Pazó e na súa interpretación repiten Víctor Mosqueira, Marcos Orsi, Avelino González e Nuria Sanz. Súmanse Sergio Zearreta e César Goldi en substitución de Evaristo Calvo e Santi Prego, que, malia que formaron parte do elenco orixinal, por razóns profesionais non puideron sumarse a este proxecto. E, de novo, coma hai 25 anos, a música é executada en directo polos propios actores.

Cales son entón as diferenzas?, requirímoslle ao director. «Pois que todos temos 25 anos máis de vida, de experiencias e de bagaxe profesional». Recoñece Cándido Pazó que nun primeiro momento tentou darlle á obra unha densidade de contido que a montaxe anterior non tiña. «Pero en canto empezamos a traballar démonos conta de que non era boa idea. A proposta de 1993 tiña algo que era importantísimo, que estaba contrastada polo público. Así que, aínda que esta non se manteña ao pé da letra, no esencial si que tiña que ser o mesmo».

E o fundamento desa esencia, tanto daquela como agora, ten como premisa básica «xogar a facer commedia dell’arte para divertirnos e divertir». Porque, e volvemos ao do sistema teatral normalizado, ten que haber «espectáculos para pensar e espectáculos, coma este, nos que te divirtas».

Para Cándido Pazó esta revisión de Commedia é, sobre todo, «unha festa da memoria do noso oficio». Hai 25 anos Commedia. Un xoguete para Goldoni supuxo todo un fito para o teatro galego. Fixéronse case 300 funcións, en Galicia, no resto do Estado e ata chegou a París. E recibiu destacados galardóns dentro e fóra da nosa comunidade.

Ten que haber obras para pensar e, coma esta, para divertirse

VENRES E SÁBADO, 20.30. SANTIAGO. TEATRO PRINCIPAL. ENTRADAS 12 EUROS