As máscaras do poder

Diego Ameixeiras

FUGAS

cedida

«Elefante» son seis historias, dúas novelas curtas e catro relatos

09 mar 2018 . Actualizado a las 05:20 h.

 Se a transcendencia e o valor dunha traxectoria literaria se miden na singularidade da voz que a sustenta, non hai dúbida de que o xornalista Manuel Darriba ocupa un dos lugares máis destacados da narrativa galega contemporánea. Conforta a presenza entre nós dun autor tan arriscado, coherente co seu programa estético e alleo aos bailes da comercialidade. Dende a súa estrea para adultos con Outonos espectaculares, publicada hai xa vinte anos, ata este agardado regreso ás librarías con Elefante, o xornalista sarriao vén demostrando que consegue cociñar con extrema aplicación as súas entregas, sempre a lume lento, e que non é compracente con toda esa leria intoxicante que chama a facilitarlle o camiño ao lector. Elefante, afortunadamente, xoga en campo contrario. Son seis historias, dúas novelas curtas e catro relatos onde se nos presenta, entre outras municións de carga alusiva, unha sorte de parábola punxente cos procedementos do poder e a construción das identidades culturais. Non se detén Darriba no accesorio nin no parágrafo resabido. Furga na complexidade que supón artellar discursos de disidencia e no xeito en que proxectamos a nosa ollada no mundo. Un comeza a ler este Elefante e entende que o levan de paseo por un espazo onde o real se entrega desdobrado, oculto por unha capa de significacións reveladoras. Son cen páxinas vestidas de simbolismo e cunha excelente prosa que non dubida da nosa comprensión lectora. Literatura para nos desarroupar.