As convulsións da nova política


Non sempre se entende ben a eficacia da contradición en política, quizais porque os tempos salvaxes que vivimos prefiren o espectáculo da ocorrencia, medida sempre en termos mediáticos, antes que sopesar os límites das conviccións propias.

Pero contradicirse con miudeza, polo menos noutros planos da vida, garante a vitoria do movemento perpetuo. A Martiño Noriega tocoulle vivir en primeira persoa a excepcionalidade sufrida pola esquerda e o nacionalismo galego dende 2012 ata hoxe, tan abondosa en discordancias e debates a peito descuberto que merecía, pasados xa cinco anos, unha fiscalización entre o emocional e o político.

Desa necesidade de conformar unha memoria recente, cun pé nas areas movedizas da actualidade, naceu esta conversa que mantivo co xornalista e poeta Daniel Salgado, un sustancioso diálogo onde o alcalde compostelán reflexiona sobre o tránsito que vai das escisións no Bloque e a irrupción de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), ás mareas municipalistas e á última vitoria de Núñez Feijóo.

Alén das consideracións políticas que Martiño Noriega verte nas respostas, interpretables consonte o substrato ideolóxico de cadaquén, o resultado deixa unha enérxica instantánea do presente, tan nebuloso e desconcertante que semella condenar os discursos públicos a inanes golpes de efecto.

Hai quen escolle o fondo da contradición.

AUTOR

MARTIÑO NORIEGA DANIEL SALGADO

EDITORIAL

XERAIS

264 PÁXINAS

17,50 EUROS

Votación
2 votos
Comentarios

As convulsións da nova política