Regresarmos á agua

Diego Ameixeiras 1.280 ALMAS

FUGAS

24 nov 2017 . Actualizado a las 05:10 h.

En tempo de seca, o medo énchese de auga. A súa negativa a comparecer, coma un desexo que non se cumpre, alimenta temores esquecidos pola ilusión do progreso. A choiva está collendo trazos de accidente residual. Coa súa escaseza despuntan espazos que non deberían amosarse así, conformando extensións murchas e inquietantes. Hai poucas postais máis apocalípticas ca un encoro baleiro. «A auga é/a medida/de todos os tempos:/as ondas que ondulan/o corpo como terreo/sen escavación/e sen nome», escribe Tamara Andrés. Estamos preto de vernos na obriga de nomear a súa ausencia con poéticas antes impensables, e poida que debamos avivar a súa potencia simbólica para non esquecer o que realmente somos.

Os poemas de Corpo de Antiochia, que se presentan como unha viaxe reveladora, véncense ante nós con outra invocación ao líquido: «Busco nesta cidade, como/en todas as que habitei antes/do desterro, unha lagoa/que me devolva a sensación/de pertenza á auga». E antes esta poeta de apenas vinte e cinco anos que é Tamara Andrés, xa con catro poemarios ao lombo, decide levarnos por un itinerario que vai da extinción ao retorno advertindo que non sabe «recompoñer camiños que non sexan os da perda». Temos que ir pensando que ocorre se segue tardando así a auga, aínda sabendo que non é posible a súa derrota absoluta. Porque sempre quedará Antioquía, o descenso ás profundidades. Esa travesía que remata no río impetuoso que somos, por máis que non chova sobre as nosas cabezas.

«CORPO DE ANTIOCHIA» 

AUTORA TAMARA ANDRÉS

EDITORIAL GALAXIA

84 PÁXINAS, 11,80 EUROS