Un conto que arrepía para o Samaín

«Violeta quere ser vampiro», de Ramón D. Veiga, con ilustracións de David Sierra, é unha opción perfecta para que os nenos lean esta semana

.

Aos nosos amigos e ás nosas amigas, no 120 aniversario da primeira edición de Drácula»: velaquí a dedicatoria desta estrea como narrador do editor Ramón D. Veiga, responsable asemade dun suxestivo e interesante blog sobre paternidade e maternidade baixo o título de Se o vello Sinbad tivese fillos.

Violeta quere ser vampiro preséntase, así pois, baixo un formato de álbum ilustrado, acaído ao meu xuízo para todas as idades aínda que focalizado prioritariamente para as persoas máis novas. Desde o seu título homenaxea, tamén desde as instancias do traballo de ilustración grazas á achega de David Sierra, o ricaz e imaxinativo universo de Drácula ideado por Bram Stoker. É así como acada un punto de encontro, unha confluencia imaxinativa e fantástica, desta figura -xustamente a noite do trinta e un de outubro- coas vivencias da noite do Samaín, cada vez sentidas entre nós cunha maior intensidade, mercé á rebuldeira e inqueda Violeta: unha nena con ganas de escoitar contos e, sobre todo, de divertirse e pasalo ben.

Neste oportuno libro o autor sabe ben dosificar as medidas xustas de humorismo e información e integralas nun discurso lúdico, que se dota da axilidade narrativa adoptando un rexistro próximo e operativo para darlle corpo a unha anécdota real que, seica, inspirou este conto. Ademais, é este un álbum que, felizmente, recorre ao recurso da integración doutro no seu interior como é o chamado Manual do vampiro moderno, constituíndo estas páxinas un fermoso galano inesperado onde salienta, aínda máis, ese espírito irónico e divertido, e mesmo arrepiante, que atesoura un libro moi recomendable para estas datas nas que o alén se achega tanto ao aquén que case se chega a tocalo.

AUTOR

RAMÓN D. VEIGA

ILUSTRADOR

DAVID SIERRA

EDITORIAL

XERAIS

40 PÁXINAS

Boa parte do atractivo deste álbum ilustrado repousa nas espléndidas e coloristas ilustracións de David Sierra.

Todas elas articulan un diálogo fantástico cos soños de Violeta nunha inesquecible noite de Samaín.

Votación
1 votos
Comentarios

Un conto que arrepía para o Samaín