A institutriz ten un plan

Diego Ameixeiras 1280 ALMAS

FUGAS

13 oct 2017 . Actualizado a las 05:30 h.

Coñecemos a estadounidense Louisa May Alcott (1832-1888) polo enorme éxito da súa triloxía Little Women (en castelán, Mujercitas), pero esquecemos que se converteu nunha prolífera narradora á que quizais lle pesou en exceso unha lectura demasiado melindrosa das súas obras. E non é xusto porque na súa traxectoria destacan outras novelas como Detrás da máscara: o poder dunha muller (1866), unha historia nada sentimental que permaneceu relegada nun segundo plano ata ser recuperada, un século máis tarde, pola editora e crítica feminista Madeleine B. Stern. A protagonista, unha institutriz chamada Jean Muir, chega a traballar á mansión dos Conventry e o seu carácter responde a iso que a psicoloxía popular define como unha persoa tóxica. Manipula decontino as emocións dos homes, sabe mentir con naturalidade e exerce unha insoportable languidez para agochar as súas verdadeiras intencións. Quere diñeiro, posición social, un marido con influencia. A franqueza non destaca entre as súas virtudes. Pero atrae o lector de hoxe porque o seu atravesado comportamento revela o desexo de dinamitar o ideal clásico de muller sufrida, ese modelo de conduta que nos nosos días segue a exaltar a obediencia e a resignación femininas fronte a hexemonía do home. Celebramos que Alcott lograse caricaturizar a afectación que botaba a perder algúns melodramas da súa época. E aínda máis que tivese tanta soltura para inmortalizar os desvelos dunha admirable lagarta.

AUTORA

LOUISA MAY ALCOTT

TRADUCIÓN

ANDREA VERES GESTO

EDITORIAL

HUGIN E MUNIN