O horror segundo Clark Ashton Smith

Diego Ameixeiras
Diego Ameixeiras 1.280 ALMAS

FUGAS

12 may 2017 . Actualizado a las 05:55 h.

O californiano Clark Ashton Smith (1893-1961) formou parte da memorable tríade da revista pulp Weird Tales con H.P. Lovecraft e Robert E. Howard, aos que nunca chegou a coñecer en persoa malia intercambiaren correspondencia durante quince anos. Comezou cultivando a poesía -a publicación de The Star-Treader and other poems valeulle o cualificativo de Keats do Pacífico-, aínda que alcanzou a súa maior gloria literaria entre 1926 e 1935, cando deu a luz gran parte da súa produción narrativa para Weird Tales. Nas páxinas editadas por Edwin Baird concentrou as súas truculencias ao redor dos Mitos de Cthulhu, inspirados polas fantasías cósmicas de Lovecraft, pero creou tamén unha colección de ciclos mitolóxicos entre os que destaca o dedicado a Averoigne, provincia ficticia da Francia medieval onde abundan os bosques habitados por licántropos e vampiros. O volume editado por Urco recolle os relatos que o autor ambientou nese territorio imaxinado, once narracións que encherán o ollo de quen queira sentir arrepíos con gárgolas que cobran vida ou monxes que agochan misterios en abadías perdidas. A partir de 1937, Smith apenas seguiu escribindo ficción e buscou refuxio na poesía e nas artes plásticas ata os seus últimos días. Seica non conseguira superar a sucesiva morte dos seus pais e dos mestres colegas de Weird Tales. Lendo o relato que lle dá título ao volume, O escultor de gárgolas, enténdese a estatura maiúscula dos seus terrores.

«O ESCULTOR DE GÁRGOLAS»

AUTOR

CLARK ASHTON SMITH

EDITORIAL

URCO

TRADUCIÓN

TOMÁS GONZÁLEZ

189 PÁXINAS

16 EUROS