O grupo Ialma emprende o camiño de volta

Hoxe comeza a súa xira na Casa da Matanza de Padrón


As Ialma, como cuarteto, xa que a quinta compoñente recalou en Xapón, emprenden estes días, cunha xira por Galicia, o camiño de volta que fixeron os seus pais a Bruxelas. Fanno, tras triunfar no seu país co seu quinto traballo discográfico, en galego, e do que recoñecen que muda a súa traxectoria musical e resume a súa historia. Marisol Palomo, que integra esta formación belga xunto a Magali Menéndez e as irmáns Verónica e Natalia Codesal, di que optaron por seguir cos temas de orixe tradicional para expoñer as súas raíces galegas, mais mesturadas coa diversidade musical que lles deu a súa bagaxe de case vinte anos xuntas sobre os escenarios.

«A nosa historia é un camiño de Bruxelas a Santiago, é a volta, a recuperación do que nos contaron os nosos país, pero con poesía e posibilismo», sostén, deixando claro que desta afrontan tamén a crítica social, atendendo ao estado convulso do continente europeo debido ao terrorismo e ao peche de fronteiras. «Antes chamábanlles emigrantes e agora refuxiados, xente que fuxiu da guerra, da fame, da falta de liberdade», expón, recoñecendo que o éxodo que viviron as súas familias segue reproducíndose. As Ialma parten da súa experiencia persoal para expresarse neste disco, por iso, como explica Verónica Codesal, responsable de parte das letras xunto con Brais Fernández, déixanse levar por outros ritmos como homenaxe, entre outros, ao seu avó andaluz, que tamén emigrou, e atrévense ata cunha peza en italiano, por iso da multiculturalidade da que se foron impregnando no seu periplo.

Camiño, que recolle trece temas de corte intimista e persoal, parte de pezas populares para contar a súa biografía familiar, unha que levan tamén dous anos transmitindo cun proxecto didáctico polas escolas do seu país, onde relatan a persecución que houbo ao idioma galego. Unha represión explicada grazas ao relato dunha avoa a súa neta, que trasladan as súas actuacións, como mensaxe entre cantiga e cantiga e que vai acompañado por imaxes desas marchas forzadas por diversas circunstancias.

«É como unha misión cultural fóra do país», recoñece Marisol Palomo, sobre este traballo, que considera unha semente entre os cativos para afondar e valorar as súas propias raíces. «É a voz duns avós da emigración, de todos os galegos, de xente que aínda quere contar o que pasou, esas historias aínda existen», din estas pandeireteiras, que estiman que a súa mensaxe foi aceptada con emocións encontradas dende que sacaron o disco en Nadal.

Como arranque da xira que as levará por diferentes salas da Península, estas embaixadoras internacionais do galego participan hoxe, na Casa da Matanza en Padrón, nos actos de celebración do 180.º aniversario do nacemento de Rosalía.

Domingo, 20.00. a coruña (Garufa club) ENTRADAS 10 euros luns, 23.50. lugo (clavicémbalo) 9 EUROS

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O grupo Ialma emprende o camiño de volta