Pablo Díaz: «Os meus fillos cren no disco e fíome deles»

O músico completa a súa triloxía onomatopeica que iniciou hai oito anos cun novo disco, «Tic Tac Toc», un coidado traballo destinado a unha lexión de pequenos adeptos.


Trala aposta para cativos de Xente miúda, moita fartura, o seu anterior disco, Pablo Díaz retoma a música infantil con Tic Tac Toc, un traballo ilustrado que entra polos ollos e somerxe, no musical, nun universo alegre no que se rodea dunha banda de interesantes colaboradores que introducen metais, violín, banjo e ata mandolina para configurar un son que masterizou en Nova York para conseguir as cores co pulido preciso.

-Que ten de novidade este disco?

-É unha visión moi distinta dos temas. Sempre intento que sexa variado, pero este, polo xeito de meter músicas do mundo, cun tema brasileiro, outro case country, outro cubano, outro tipo La Bottine Souriante, a muiñeira do Señor Gato e ata un ska, que nunca meteramos un, e fíxeno co de Queremos galego, nunha onda máis dos Diplomáticos e do bravú, é variado, pero sendo purista nos estilos.

-Tamén coa idea de que sexa didáctico?

-Sempre busco ese fondo, que lles poida valer aos mestres de música. Eu estou contento porque é o meu traballo máis maduro e os meus fillos cren que é o mellor e fíome deles. Despois de catro traballos innovar é difícil, aínda que non o busco porque quero que aos que lles gustaran os outros me sigan seguindo, aínda que pasou tempo, porque o primeiro disco é do 2009. Xa case vai unha década e vai case unha xeración de nenos que pasaron por estes traballos. Ás veces vou facer cousas aos institutos e acórdanse de Tic Tac.

-Por que esa aposta polo infantil cun pasado tan ligado ao «tradi»?

-Eu estaba con Kalandraka con contacontos e empecei a introducir melodías e foi a conxunción de todo, ver que non había traballos para nenos e ter os propios fillos foi o que me fixo saltar.

-Pero agora sodes moitos a explotar o sector infantil?

-Achegamos distintos aspectos da música, hai demanda e é necesario polo idioma e tamén para que os profesores e mestres teñan recursos para poder traballar en galego. Eu creo que é determinante a calidade da xente que fai música para nenos, dende Magin, a Mama Cabra, Uxía ou Xoán Curiel, é xente que admiro e hai moito nivel. Penso que o grande nivel da música fai que haxa máis público.

-Resulta sospeitosa esa demanda infantil, pero que haxa un corte para os adolescentes.

-Aí quen entra moi ben é Sés, Curiel fixera un traballo para nenos de 12 anos, pero esa é a materia pendente, o chegar ás idades que se chegaba co Xabarín antes. Iso aínda está por facer. Os pais a esas idades xa non os levan aos concertos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Pablo Díaz: «Os meus fillos cren no disco e fíome deles»