Rampo, o mito do pulp xaponés

Diego Ameixeiras
Diego Ameixeiras 1280 ALMAS

FUGAS

Quen ande á procura de lecturas excéntricas debería acudir o antes posible ao fascinante Edogawa Rampo (1894-1965), pseudónimo do xaponés Hirai Taro, fundador da literatura criminal no seu país e máxima figura do ero-guro. Nos relatos reunidos en Rampo, la mirada perversa (Satori, 2016), traducidos ao castelán por Daniel Aguilar, o autor de O estraño caso da Illa Panorama preséntanos unha estimulante colección de parafilias, crueldades e desviacións destinadas a saciar os padais máis requintados. O entretemento está garantido: o catálogo de perversións inclúe asasinos por aburrimento, fantasías circenses inspiradas en Poe, espellos infernais e sexualidade grotesca a dar cun pau. Diversión pura. Os estrambóticos mundos de Rampo nunca decepcionan.

Mentres nos EE.UU o hard-boiled perfeccionaba as súas armas, na segunda década do pasado século aparecía en Xapón o ero-guro, un movemento que se deu a coñecer axitando unha mestura de psicanálise, surrealismo, avances científicos e extravíos sexuais. Rampo, o escritor máis pulp dos autores criminais nipóns, acabou rexeitando o reducionismo da etiqueta, que logo se estendería ás películas e ao cómic manga. Falando de cinema e noir estrafalario: a xolda de extravagancias orientais debe rematarse cun visionado de Horrors of Malformed Men (Teruo Ishii, 1969), baseado en catro historias de Rampo. Un delirio psicotrónico que aínda hoxe segue oficiosamente vetado en Xapón. Moi recomendable, por suposto.