«Para comer, Lugo; para o rocanrol, non tanto»

Arrhythmia afiou o seu son e gañou complexidade. O seu segundo traballo, «II», vén de procurarlle á banda de Lugo un verán de tolemia


Un trío capaz de dar moitas voltas á tralla. Escoitade Mil Xeitos e falamos. No camiño de pulido que percorreu dende o 2011, Arrhythmia afiou o seu son e gañou complexidade. O seu segundo traballo, II, vén de procurarlle á banda de Lugo un verán de tolemia

-O primeiro foi «III», este segundo «II», estamos nunha conta atrás?

-Realmente o trío que agora somos comezou no 2011 e un ano despois gravamos o primeiro epé. Eran só tres temas e puxémoslle ese título, III. Agora vémolo como unha conta atrás, si. Coñecémonos bastante máis e no seguinte, que será I, agardamos chegar a soar como queremos que soe.

-O son do disco é realmente complexo. Pode defenderse en directo con tan só tres músicos?

-É unha boa pregunta, porque esta era unha historia que nos preocupaba. Non queriamos vernos limitados á hora de facer arranxos, de dobrar guitarras. Así que ideamos un xeito de sonar como queríamos facelo. Lanzamos samplers en directo cos temas novos, métennos un colchón electrónico por un lado e achégase moitísimo máis ao disco. Podémolo defender perfectamente en directo. E de feito fixémolo en moitos festivais ao longo do verán.

-Todo isto lévanos directamente á teima dos estilos. Metal, stoner, algún toque electrónico. Que vén sendo Arrhythmia realmente?

-Non creo que sexamos un grupo de metal, polo menos non o que se entende por metal sen máis. Non sei... Poderiamos dicir que un power trío?

-Chama a atención o vídeo tan currado que serviu como presentación do primeiro tema, «Tan Só Notas».

-Pois ese videoclip está gravado dende hai un ano. Queriamos lanzalo cando estivésemos a gusto. Álvaro [Barreiro, o batería; quen fala é Alberto Busto, guitarra e voces; completa o trío Maci ao baixo] realízao e diríxeo. Sorprende porque hai moito efecto, pero está gravado nunha habitación en Monterroso. O deseño encargámosllo ao deseñador do Resurrection Fest, Cos of Death. O tipo é un verdadeiro crack.

-E todo isto dende Lugo.

-Si, xa sabes. Para comer, Lugo; para o rocanrol, non tanto. Lugo está fastidiado para case calquera estilo. O Concello lémbrase da música en San Froilán. A Deputación, dende Cultura, programa algunha cousiña; nótase algo máis de interese, pero a cousa está mal. Só funciona Clavicéfalo como sala. O que si hai son bandas. É curioso que teñamos máis repercusión en Compostela ou Pontevedra, pero é así.

ARRHYTHMIA

Salto de cualidade no segundo traballo dos lucenses. Oito temas e un gran labor de deseño a cargo de Cos of Death.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Para comer, Lugo; para o rocanrol, non tanto»