Ruxe Ruxe celebra 20 anos cun novo disco e un concerto que será unha festa
09 dic 2016 . Actualizado a las 05:45 h.Iso de que 20 anos non é nada será noutras leiras porque no rock subversivo galego é pouco menos que un milagre. Daí que Ruxe Ruxe, pouco amigos de condescendencias e celebracións, aceptasen conmemorar o aniversario cun novo disco e cun concerto que será unha festa ou cunha festa que será un concerto. Como di o vocalista Víctor Neira, aínda non se sabe moi ben.
-Titulades o disco “20 segundos”. Tan axiña pasou o tempo?
-Foi un refacho de vento. Mais nada.
-E colocades na portada un centolo cun cartucho de dinamita. Ti dirás...
-(Rise) A portada do noso primeiro disco xa era un centolo, así que é a nosa particular brincadeira. E o da dinamita é un pouco polo da conta atrás e por aquila idea punk de matar aos teus ídolos, que neste caso sería matarnos a nós mesmos.
-Por que Ruxe Ruxe nunca acabou de entrar de todo nos circuitos?
-É certo que sempre estivemos un pouco no medio da nada porque non somos un grupo fácil de encasillar e sempre estivemos un pouco arredados do sistema e tamén da industria. Pero non podemos queixarnos. Levamos 20 anos e o teléfono segue soando.
-Por que, por exemplo, un grupo vasco facendo o mesmo que vós ten moita máis proxección?
-É algo difícil de explicar. Cando tocamos fóra á xente sorpréndese moito e cóstalle entender por que non saimos máis. Igual o que nos falta é promoción e que nos permita chegar a outros públicos.
-Propuxéronvos cantar en castelán?
-Algo houbo, pero se eres honesto contigo mesmo tes que facer a música no idioma que a sentes. Non podemos facer algo no que non creamos porque nós non vendemos refrescos de cola, vendemos sentimentos.
-Tedes a sensación de ter perdido algunha oportunidade?
-Algunhas veces dixemos que non por pura coherencia e noutras non poidemos facer algunha xira por cuestións laborais. Pero nunca o vimos como oportunidades perdidas senón como esta vez non poido ser pero acordáronse de nós.
-Fóchedes capaces nalgún momento de vivir da música?
-Non. A música danos o suficiente como para que o grupo poida subsistir pero gañarte a vida con isto é inviable.
-Qué agarda Ruxe Ruxe a partir de agora?
-O mesmo de sempre. Por suposto, gústanos que haxa xente nos concertos e que nos compren discos. Pero o que agardamos é que, despois de 20 anos, nos siga gustando tanto como agora nos gusta ir cada semana dúas ou tres veces a ensaiar. Estamos no noso mellor momento.
-Lonxe de moderarse co tempo o grupo soa cada vez máis enérxico e as letras son cada vez máis críticas.
-É que eu non estou dacordo con iso de que co paso dos anos a xente se modera. Ao contrario. Según te vas facendo vello cada eres máis bravo. Cando falas cun home de 80 anos diche o que pensa sen ningún tipo de miramentos. Porque cos anos vaste liberando dos prexuizos e dos medos. E nós xa non fomos nunca moito de telos.
sábado 10, 21 h. santiago. sala capitol.ENTRADAS 5 EUROS O 10 EUROS CON CEDÉ